O OUFF acolle en Ourense o X Encontro de Academias de Cine e Audiovisual da Península Ibérica

A cita, celebrada no marco do Festival de Cine de Ourense, reúne a oito academias de España e Portugal para abordar retos comúns do sector audiovisual
OUFF_2026 (2)
29 Sep 2026

Ourense é sede dende hoxe do X Encontro de Academias de Cine e Audiovisual da Península Ibérica, un evento impulsado pola Academia Galega do Audiovisual que se desenvolve dentro da programación do Ourense Film Festival (OUFF) e que conta co respaldo da Deputación de Ourense.

Nesta décima edición participan oito entidades: a Academia de Cine de Andalucía, a Academia del Cine Aragonés, a Academia del Cine Asturiano, a Acadèmia del Cinema Català, a Academia de Cine de Extremadura, a propia Academia Galega do Audiovisual, a Academia Portuguesa de Cinema e a Academia Valenciana de l'Audiovisual.

O encontro está pensado como un foro de intercambio entre as distintas institucións, onde compartir experiencias, expoñer as dificultades ás que se enfronta o sector en cada territorio e buscar fórmulas de colaboración conxunta. Entre os temas previstos para estas xornadas figuran a normativa sobre o emprego da intelixencia artificial nos respectivos galardóns, o tratamento das categorías de longametraxes en linguas cooficiais e a revisión das categorías interpretativas para acabar coa división por sexos.

Mañá darase a coñecer os novos LIC 2026

Un dos puntos destacados do programa chegará mañá mércores, ás 11.00 horas, no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense, onde as oito academias darán a coñecer os novos Lugares de Interese Cinematográfico (LIC) 2026. Trátase dun proxecto compartido que distingue enclaves relevantes polo seu significado patrimonial, histórico e simbólico para o mundo do cine e o audiovisual.

Con esta presentación ampliarase a rede de espazos ligados á memoria cinematográfica dos distintos territorios peninsulares. A finalidade da iniciativa LIC é poñer o foco en lugares que formaron parte da historia do audiovisual, ademais de subliñar a riqueza cultural e territorial da península a través das súas paisaxes e localizacións.

Unha mostra reúne por primeira vez os galardóns das academias

O Centro Cultural Marcos Valcárcel tamén acolle, con motivo deste encontro, unha exposición que xunta por primeira vez nun mesmo espazo os principais premios das academias participantes. Entre as pezas expostas pódense ver o Mestre Mateo, da Academia Galega do Audiovisual; o Gaudí, da Acadèmia del Cinema Català; o Carmen, da Academia de Cine de Andalucía; o Simón, da Academia de Cine Aragonés; o Lola Gaos, da Acadèmia Valenciana de l'Audiovisual; e o Sophia, da Academia Portuguesa de Cinema.

A través destes trofeos e de información sobre cada entidade, a mostra ofrece un percorrido pola diversidade das cinematografías e os sectores audiovisuais dos distintos territorios, así como polo labor das academias na promoción da cultura audiovisual. A entrada é gratuíta e poderá visitarse ata o 5 de outubro no Centro Cultural Marcos Valcárcel.

Deste xeito, o X Encontro combinará reunións de traballo entre as institucións participantes con actividades abertas ao público, co obxectivo de reforzar os lazos de cooperación entre as academias e poñer en valor a diversidade audiovisual dos diferentes territorios.

0.55907583236694