O OUFF presenta 'Sesiones Sumergidas', un proxecto que leva a música en directo a bordo de barcos por Galicia

A iniciativa, que combina actuacións musicais coa promoción do territorio galego, presentouse dentro do espazo do festival dedicado a proxectos en desenvolvemento
OUFF_2026 (2)
1 Oct 2026

Un barco como escenario e a auga como punto de partida dunha proposta musical diferente. Así se presenta 'Sesiones Sumergidas', un proxecto audiovisual impulsado por David Casas Dorribo xunto ás produtoras Baicrea e Marde Producciones, que se deu a coñecer en profundidade en 'Xanela', o espazo do OUFF · Ourense Film Festival destinado a iniciativas aínda en fase de desenvolvemento.

A proposta consiste en gravar artistas nacionais e internacionais interpretando a súa música desde embarcacións situadas en distintos puntos de Galicia. O resultado é un contido audiovisual con son gravado en directo, pensado para a súa difusión en redes sociais.

O seu impulsor explicou que a idea xurdiu coa intención de "crear un concepto un pouco máis visual e promocionar artistas dunha forma diferente á tradicional". Un trazo distintivo do formato é a proximidade da cámara aos músicos durante a gravación, algo que, segundo Casas, permite ao espectador "descubrir do artista algo diferente do que pode percibir nun escenario".

O proxecto comezou en 2020 e xa percorreu lugares como a ría de Vigo, a ría de Aldán ou a comarca do Ribeiro. Co paso do tempo, a iniciativa foi sumando novos elementos, como entrevistas, encontros co público e degustacións gastronómicas, co obxectivo de afondar tanto no vínculo próximo cos artistas como na identidade do territorio galego.

De cara ao futuro, o seu creador propón estender as actuacións á Ribeira Sacra, entre outras zonas, e tamén busca establecer unha serie de "puntos sumerxidos" fixos que lle dean continuidade e estabilidade ao proxecto a longo prazo.

0.30161809921265