O OUFF presenta tres filmes que abordan a memoria, a adolescencia e o problema da vivenda

‘Alén dos Silencios’, ‘Crías’ e ‘Nuda Propiedad’ chegaron este domingo ao festival con propostas que combinan a reflexión persoal e social
presentacion-nuda-propiedad-ouff-2026
27 Sep 2026

O Ourense Film Festival (OUFF) dedicou parte da súa xornada deste domingo á presentación de tres das propostas que compiten nas súas seccións oficiais: os documentais ‘Alén dos Silencios’, de Carmen P. G. Granxeiro, e ‘Crías’, de Xiana do Teixeiro, e a comedia ‘Nuda Propiedad’, de Alberto Utrera.

Na Sección Oficial Panorama Galicia, Carmen P. G. Granxeiro presentou ‘Alén dos Silencios’, un documental de carácter intimista que parte do descubrimento de que a súa propia avoa estivera presa, sendo bebé e xunto cos seus pais, no Vello Cárcere de Lugo durante a Guerra Civil.

A directora explicou que chegou a esta historia mentres elaboraba coa súa avoa un caderno de recordos familiares. Tras comprobar a información no arquivo municipal, iniciou unha investigación na que entrevistou outras mulleres relacionadas co antigo centro penitenciario. O silencio aparece como un elemento común nos diferentes relatos e como unha das claves do filme.

“Estudamos a Historia con H maiúscula e moitas veces escápanse as historias pequeniñas, pero a Historia escríbena esas pequenas vivencias”, sinalou Granxeiro, que tamén reivindicou a creación cinematográfica independente e os modelos de produción artesanais. O filme proxectouse este domingo no Teatro Principal e terá un segundo pase o mércores 30 de setembro ás 22.00 horas.

Tamén en Panorama Galicia, Xiana do Teixeiro presentou ‘Crías’, unha obra documental construída a partir de diarios de adolescencia cedidos por centos de mulleres. O proxecto transforma estes documentos íntimos nun arquivo desde o que reflexionar sobre a identidade, a educación emocional, o xénero e as experiencias compartidas durante o proceso de medrar.

A directora explicou que a investigación comezou cando unha amiga lle mostrou o seu antigo diario e acabou dando lugar a un arquivo formado por documentos de diferentes mulleres. “Este filme é a colaboración de centos de mulleres que cederon os seus documentos íntimos, as súas memorias”, indicou. ‘Crías’ poderá verse de novo no Teatro Principal o mércores 30 ás 17.00 horas.

Pola súa banda, a Sección Oficial Internacional do OUFF acolle ‘Nuda Propiedad’, unha comedia dirixida por Alberto Utrera que aborda o acceso á vivenda a través dunha historia na que tamén teñen presenza cuestións como o amor, a crise, a ansiedade ou o egoísmo.

O director e o actor Paco Churruca presentaron este domingo a película ante os medios e destacaron a actualidade do problema da vivenda. Utrera explicou que o filme parte da dificultade, cada vez maior, de atopar un lugar no que vivir e desenvolver un proxecto vital, mentres que Churruca definiu a película como “un reflejo de la sociedad” no que se combinan diferentes tramas.

O actor e o director participaron esta tarde no pase de ‘Nuda Propiedad’ nos Galicine, ás 17.00 horas, xunto ao protagonista, Maxi Iglesias.

0.34844207763672