O OUFF proxecta en Ourense 'A invitación', con Penélope Cruz, unha semana antes da súa estrea nos cines

A cinta dirixida por Olivia Wilde, que soa con forza de cara aos vindeiros premios Óscar, proxectouse nun pase especial no Teatro Principal antes da súa chegada aos cines o 16 de outubro
cine-butacas-recurso
Imaxe de arquivo ilustrativa
9 Oct 2026

O Teatro Principal de Ourense acolleu este xoves un pase especial dentro da programación do OUFF · Ourense Film Festival: a proxección anticipada de 'A invitación' (título orixinal, 'The Invite'), a nova película dirixida por Olivia Wilde, que non chegará ás salas comerciais ata o 16 de outubro. Grazas a esta sesión, o público ourensán puido ver a cinta antes có resto do territorio galego.

A sesión estivo reservada aos espectadores máis asiduos ao festival, aqueles que asistiran a un mínimo de dez proxeccións durante o certame e completaran así os selos do Bono 10+, unha tarxeta impulsada pola organización que premia a fidelidade do público. Tratouse, ademais, dun pase sorpresa, unha fórmula habitual no festival pola que ninguén entre os asistentes coñecía de antemán que título se ía proxectar ata que apareceu na pantalla. A función reuniu tanto a estes espectadores coma a parte do equipo organizador, e repite así unha tradición que o ano pasado permitiu ao público do OUFF ver con antelación a aclamada 'A voz de Hind' antes da súa estrea nos cines.

Antes de comezar a proxección, o programador do OUFF, Alberto González Araújo, agradeceu a resposta do público ao longo desta edición do festival. Pola súa banda, o director artístico do certame, Óscar Doviso, destacou o traballo de todo o equipo que fixo posible sacar adiante esta 31ª edición. A velada incluíu ademais unha sorpresa adicional, co sorteo de 15 claquetas de LEGO entre parte dos asistentes.

Unha comedia dramática con opcións na carreira cara aos Óscar

'A invitación' é unha comedia dramática que xa colleitou boas críticas en festivais internacionais como San Sebastián e Sundance. Segundo diversos analistas do sector, a cinta conta con opcións reais de conseguir varias nomeacións na vindeira edición dos premios Óscar, o que a converte nun dos títulos máis comentados da tempada de premios estadounidense.

O reparto está encabezado pola propia Olivia Wilde xunto a Seth Rogen, Edward Norton e Penélope Cruz, que dan vida a dúas parellas de veciños nunha velada marcada por xiros inesperados na trama. O papel interpretado pola actriz española, de ton cómico e provocador, está a ser especialmente ben recibido tanto pola crítica coma polo público.

Coa súa estrea oficial fixada para o vindeiro 16 de outubro, a proxección celebrada en Ourense permitiu aos espectadores presentes adiantarse varios días á chegada do filme á cartelera.

0.3808319568634