O OUFF proxectará en exclusiva o primeiro capítulo de 'Las hijas de la criada' coas súas protagonistas en Ourense

A sección Fóra de Serie do festival acollerá o pase especial do primeiro episodio desta produción baseada na novela de Sonsoles Ónega, Premio Planeta 2023, coa presenza de dúas das súas actrices o 30 de setembro
presentacion_las_hijas_de_la_criada_OUFF
28 Aug 2026

A 31ª edición do OUFF · Ourense Film Festival inclúe na súa sección Fóra de Serie a proxección especial do primeiro capítulo de 'Las hijas de la criada', produción baseada na novela de Sonsoles Ónega, galardoada co Premio Planeta en 2023. A inclusión desta produción na programación sitúa a cidade na actualidade audiovisual e enmárcase no vínculo entre as ficcións de época e a paisaxe galega.

A serie liderou as audiencias na súa plataforma de estrea, onde recibiu valoracións positivas pola súa factura visual e artística. O festival ofrecerá ao público a posibilidade de ver na gran pantalla, en avance exclusivo, un capítulo que aínda non se emitiu en aberto.

O encontro cunha parte do elenco está previsto para o mércores 30 de setembro, coa asistencia das actrices Carlota Baró, no papel de Renata, e Martina Cariddi, que encarna a Catalina, dúas das protagonistas da serie. A xornada dividirase en dúas citas: ás 13.00 horas terá lugar a rolda de prensa no Centro Cultural Marcos Valcárcel, onde se ofrecerán detalles da produción e se proxectará un vídeo gravado por Sonsoles Ónega para a ocasión; e ás 19.30 horas o Teatro Principal acollerá o pase especial do primeiro episodio, aberto ao público.

Unha saga familiar marcada polo poder, a vinganza e a paixón na Galicia de 1890

A historia sitúase na Galicia de finais do século XIX, no pazo do Espírito Santo, onde nacen dúas nenas: Clara e Catalina. Clara é filla da criada, Renata, mentres que Catalina é filla da señora da casa, doña Inés. Ambas comparten pai: don Gustavo Valdés, propietario do pazo e da serraría da comarca.

Un xiro inesperado marcará o futuro das dúas nenas e dará pé a un enfrontamento entre ambas as familias. Doña Inés deberá facer fronte ao desengano amoroso, ao abandono e ás disputas de poder para que a súa filla lexítima herde o patrimonio familiar, nunha época na que ás mulleres se lles negaba o control sobre o seu propio destino.

Coa incorporación desta produción, Fóra de Serie suma un novo título á súa programación, permitindo ao público acceder en pantalla grande a un dos estreos televisivos do momento.

A 31ª edición do OUFF · Ourense Film Festival terá lugar entre o 25 de setembro e o 4 de outubro.

0.25926899909973