O OUFF reunirá sete filmes na súa Sección Oficial Panorama Galicia, co documental como xénero dominante

A Sección Oficial Panorama Galicia do OUFF · Ourense Film Festival reunirá este ano sete longametraxes que competirán pola Calpurnia á Mellor Película: catro documentais e tres traballos de ficción. Algúns títulos chegan a Ourense como estrea mundial, outros como primeira proxección en España ou en Galicia. A selección inclúe unha produción irlandesa e dúas coproducións, con Portugal e con Arxentina respectivamente. Todas as cintas se exhibirán en dous pases no Teatro Principal ao longo da semana do festival, que se celebrará do 25 de setembro ao 4 de outubro.
Entre as propostas destaca o primeiro documental cinematográfico dedicado á cantante galega Ana Kiro, titulado 'Kiro' e dirixido por María Yáñez, así como Guerrillero, de Joan Gamero, que recolle en primeira persoa o testemuño de Francisco Martínez, "O Quico", quen con cen anos lembra a súa etapa agochado nas montañas durante a posguerra.
A organización salienta que esta edición está marcada pola presenza maioritaria de directoras: catro das sete cineastas seleccionadas son mulleres, que competirán xunto ao resto de realizadores polo Premio á Mellor Dirección. Ademais, as mulleres son tamén protagonistas de boa parte das historias narradas, que abordan asuntos como os vínculos familiares, a adolescencia, a inmigración, a memoria histórica, a soidade ou o Camiño de Santiago.
As películas seleccionadas
'A avó e o amor', de Raúl Veiga (2026, Portugal-España, ficción), chega como estrea mundial. Narra a historia de dous irmáns na trintena que herdan unha casa no norte de Portugal baixo unha curiosa condición. Veiga, nado en Santiago de Compostela en 1956, é guionista e crítico de cinema habitual do OUFF, autor de películas como 'A metade da vida' (1994) e 'Arde Amor' (1999).
'A veces me entra tristeza, otras veces rebelión', de María Aparicio (2026, Arxentina-España, ficción), estrea en Galicia. Conta o reencontro en Madrid entre Eva e Dante, un historiador arxentino que investiga as loitas obreiras do seu país e a figura de Juan Bialet Massé. Aparicio, nada en Córdoba (Arxentina) en 1992, é ilustradora e directora de animación; trátase do seu quinto traballo como directora, tras pasar polo OUFF en 2016 con 'Las calles'.
'Alén dos silencios', de Carmen P. Granxeiro (2025, España, documental), afonda nunha historia familiar silenciada: a avoa da directora ingresou no cárcere xunto cos seus pais cando tiña só seis meses. Granxeiro, nada en Lugo en 1985, gañou o Premio Especial Biznaga de Plata por 'Benvidas ao club' (2019) e xa participou no OUFF con 'Persoas S.A.' (2020).
'Crías', de Xiana do Teixeiro (2026, España, documental), constrúe un arquivo a partir de diarios de adolescencia, entendidos como escritos onde vida e palabra se entrelazan. Do Teixeiro, nada en Lugo en 1986, xa foi recoñecida no OUFF cunha mención especial do xurado pola súa ópera prima, 'Tódalas mulleres que coñezo' (2018).
'Guerrillero', de Joan Gamero (2025-2026, España, documental), estrea en Galicia despois de conseguir premios en certames de México, Italia e Portugal. Repasa a vida de Francisco Martínez, guerrilleiro que permaneceu agochado nas montañas de León e Ourense durante a posguerra. Gamero, madrileño nado en 1952, tamén traballou como realizador en RTVE.
'Kiro', de María Yáñez (2026, España, documental), estrea en Galicia e percorre o legado de María Dolores Casanova, "Ana Kiro", cantante que nos anos oitenta e noventa levou a música en galego máis alá das nosas fronteiras. Yáñez, xornalista e produtora lucense nada en 1978, asina con esta obra o seu primeiro longametraxe.
'Walking holiday' (El mismo camino), de Cian e Jack Desmond (2025, Irlanda, ficción), chega como estrea en España. Relata o vínculo que xorde entre Seán, un irlandés que percorre o Camiño de Santiago por motivos familiares, e Ana, unha avoa galega, malia non compartiren idioma. Os irmáns Desmond, de Cork, adoitan traballar xuntos como directores, produtores e guionistas.
Encontros co público
Ademais de votar as películas, o público poderá conversar tras as proxeccións con directoras, directores, produtoras, produtores e intérpretes das obras seleccionadas.
A 31ª edición do OUFF · Ourense Film Festival celebrarase do 25 de setembro ao 4 de outubro, organizada pola Asociación Luarada co apoio da Deputación de Ourense e da Xunta de Galicia.