O OUFF transforma por completo a súa sección Inédito e elimina as fronteiras xeográficas na súa 31ª edición

A histórica liña de programación do festival deixa de ceñirse a títulos xa comercializados que non chegaran ás salas da provincia para converterse nunha xanela ao mellor cinema recente, con tódalas sesións en Galicine (CC Ponte Vella)
OUFF_estrenos
3 Sep 2026

O OUFF · Ourense Film Festival amosa unha grande ambición na súa 31ª edición coa profunda renovación da súa sección Inédito. Ata agora, este apartado reunía filmes xa comercializados en España que, con todo, non chegaran ás salas da provincia. Este ano, en troques, a sección deixa atrás esa limitación xeográfica e pasa a converterse nun espazo para grandes estreas de ámbito autonómico e estatal, así como para títulos que aínda non teñen data de distribución comercial en España, algo que nalgún caso non sucederá ata 2027. Tódalas proxeccións desta liña de programación desenvolveranse nos cines Galicine, situados no centro comercial Ponte Vella.

A sección estará formada por cinco longametraxes en total, das que o festival xa deu a coñecer os dous primeiros títulos desta selección internacional, coa que o OUFF reafirma o seu compromiso de achegar a Ourense algunhas das propostas cinematográficas máis relevantes do momento.

Un dos grandes reclamos desta edición será a estrea absoluta en España de 'Napoli New York', dirixida polo cineasta italiano Gabriele Salvatores, gañador do Oscar por Mediterráneo. O máis singular desta longametraxe é a orixe do seu guión: foi escrito en 1948 por Federico Fellini xunto ao seu amigo e colaborador habitual Tullio Pinelli, e permaneceu sen publicar, gardado nun baúl, durante case setenta anos. O texto non saíu á luz ata que Pinelli, xa con 97 anos, lle confiou ese baúl ao crítico e estudoso Augusto Sainati. A partir de aí, o guión converteuse en 2024 nunha longametraxe que acadou un notable éxito de taquilla en Italia, cunha recadación superior aos 5,3 millóns de euros.

A trama, ambientada a finais dos anos 40, segue a Carmine e Celestina, dous nenos napolitanos de 12 e 9 anos que viven na rúa sen familia e que se embarcan clandestinamente rumbo a Nova York na procura dunha vida mellor. O propio Salvatores sinalou que atopar este documento orixinal de 80 páxinas supuxo, para el, un auténtico milagre á hora de levar á pantalla esta emotiva historia de supervivencia e esperanza.

A sección Inédito acollerá tamén o pase de 'The Man I Love', protagonizada polo actor gañador do Oscar Rami Malek, coñecido polo seu papel en 'Bohemian Rhapsody'. A película chega a Ourense tras pasar polo Festival de Cannes e pola sección Perlak do Festival de San Sebastián, e a súa exhibición no festival supón unha oportunidade especialmente destacada para o público galego, xa que a súa chegada ás salas comerciais non está prevista ata o ano 2027.

A 31ª edición do OUFF · Ourense Film Festival celebrarase do 25 de setembro ao 4 de outubro.

0.33240008354187