O Outono Lírico 2025 levará a ópera ‘Werther’ a Vigo co apoio da Xunta

A programación do Outono Lírico 2025 inclúe ‘Werther’ de Massenet, ademais de zarzuela, encontros e proxeccións, co apoio da Xunta e baixo a organización de Amigos da Ópera de Vigo.
Werther
28 Jun 2025

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou na presentación da programación do Festival Outono Lírico 2025, unha iniciativa promovida pola Asociación Amigos da Ópera de Vigo co apoio da Xunta de Galicia, que busca achegar o xénero lírico a todos os públicos.

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destacou o compromiso do Goberno galego co impulso a distintas iniciativas culturais por todo o territorio, como demostra a campaña ‘Para gustos, cultura’, con máis de 3.400 actividades durante o verán en 200 concellos galegos.

No caso do Outono Lírico, a programación abranguerá os meses de setembro, outubro e novembro con títulos destacados da lírica internacional, zarzuela e actividades paralelas para todos os públicos. O calendario arrancará con ‘La Voz Humana’ e ‘La Dama de Montecarlo’, seguido de ‘Unha noite de zarzuela’ coa soprano Ainhoa Arteta. O prato forte será a ópera ‘Werther’, de Jules Massenet, con solistas vocais e a Orquestra Sinfónica de Vigo 430, ademais do coro do IES A Xunqueira de Pontevedra.

Tamén se celebrará o tradicional concerto de Novas Voces da Lírica Galega, o ciclo Ópera no Cine centrado en Bizet e Ravel, así como as iniciativas ‘Cine de Outono’ e ‘Falamos de’, con charlas e encontros con artistas e expertos.

⚙ Configurar cookies
0.29684495925903