O Pacto do Gaiás aposta no traballo en rede para impulsar o futuro da micoloxía galega

O traballo en rede entre os diferentes axentes vinculados á micoloxía galega sitúase como unha das principais prioridades recollidas no Pacto do Gaiás pola Micoloxía, un documento xurdido do Foro Galego de Micófilas e Especialistas en Micoloxía celebrado o pasado 3 de outubro na Cidade da Cultura de Galicia. O encontro estivo centrado en analizar a situación actual do sector e abordar os principais retos para o seu desenvolvemento futuro.
O Foro foi promovido por AMABUL, co financiamento do GDR Terras de Compostela e a colaboración da Federación Galega de Micoloxía e do Concello de Vedra. A xornada reuniu persoas procedentes de diferentes ámbitos relacionados cos fungos e articulou o debate arredor de tres áreas principais: a xestión forestal e o aproveitamento micolóxico, a divulgación, formación e investigación, e o micoturismo e a micogastronomía.
Entre as conclusións do encontro destacou especialmente a necesidade de crear e consolidar unha rede micolóxica galega que facilite o intercambio de coñecementos, recursos e experiencias. A proposta pretende poñer en contacto asociacións, universidades, comunidade científica, empresas, profesionais e administracións públicas, e foi a que acadou un maior respaldo entre as persoas participantes.
O Pacto do Gaiás recolle tamén a necesidade de avanzar cara a unha regulación clara, actualizada e eficaz que permita compatibilizar a conservación dos recursos micolóxicos coa recolección responsable e o seu aproveitamento sostible. Ao mesmo tempo, a formación, a divulgación e a investigación aparecen como ferramentas fundamentais para ampliar o coñecemento sobre os fungos e sobre o papel que desempeñan na biodiversidade e na saúde dos ecosistemas forestais.
O documento reclama ademais unha maior participación das administracións públicas galegas e a integración da micoloxía nas políticas relacionadas coa conservación da natureza, a xestión forestal, a educación, a investigación e o desenvolvemento rural.
As conclusións acadadas durante o Foro servirán tamén como punto de partida para definir as primeiras liñas de traballo do Libro Branco da Micoloxía Galega, dando continuidade ao proceso iniciado na Cidade da Cultura.
O espírito do Pacto do Gaiás queda resumido nunha idea que pretende orientar este camiño: «Coñecer, coidar, compartir e construír futuro».