O Parga Rock 2026 reunirá lendas do hard rock e do punk nun cartel encabezado por Girlschool e Alcatrazz

A Carballeira de Parga volverá converterse os días 4 e 5 de setembro nun dos grandes puntos de encontro do rock en Galicia coa celebración da novena edición do Parga Rock. O festival, de entrada de balde e con zona de acampada durante as dúas noites, aposta nesta ocasión por un cartel marcado polo hard rock e o heavy metal clásico, sen renunciar ao punk e ás bandas galegas emerxentes. Non faltarán tampouco outras citas de acompañamento, como o Aberto de Billarda ou a sección infantil.
Entre os grandes reclamos desta edición atópanse as británicas Girlschool, auténtica lenda da New Wave of British Heavy Metal (NWOBHM). A histórica formación, con máis de cinco décadas de traxectoria, chegará a Parga coas integrantes fundadoras Kim McAuliffe e Denise Dufort, acompañadas por Jackie Chambers e Olivia Airey. Ao longo da súa carreira compartiron escenario con grupos como Motörhead, Iron Maiden, Black Sabbath, Deep Purple, Dio ou Saxon, converténdose nunha das bandas máis influentes da historia do heavy metal.
Outro dos pratos fortes será a actuación de Alcatrazz, banda estadounidense creada en Los Ángeles en 1983 e considerada unha referencia do hard rock e do heavy metal. O grupo desembarcará en Parga con dous dos seus membros fundadores, Jimmy Waldo e Gary Shea, xunto ao guitarrista Joe Stump e o vocalista Giles Lavery. Polas súas filas pasaron figuras da talla de Yngwie Malmsteen, Steve Vai ou Danny Johnson, deixando discos de culto como No Parole from Rock 'n' Roll ou Disturbing the Peace.
O cartel complétase coa presenza dos coruñeses Scarecrow, encargados de abrir unha edición que aposta decididamente polo hard rock máis clásico. A banda, formada por músicos con experiencia noutros proxectos, aproveitará a súa visita para adiantar temas do novo disco que publicará en 2027.
Desde Cerceda chegarán Mr. Kamándula, formación que interpreta as súas cancións en galego mesturando rock clásico, hard rock e heavy metal, mentres que desde Vigo desembarcarán The TwinPims, unha das bandas con maior proxección do panorama galego, cun son influenciado polo rock dos anos setenta e oitenta pero actualizado con riffs contundentes e melodías actuais.
O punk terá tamén un papel destacado nesta edición. The Eskarallas, banda galega avalada por artistas como Manolo Kabezabolo, Evaristo ou Juankar de Boikot, subirase por primeira vez ao escenario do festival para presentar parte do seu novo traballo discográfico. Xunto a eles estarán Satxa, grupo do Morrazo que aposta por un punk rock melódico cargado de reivindicación, con letras centradas na identidade, a liberdade e a loita social.
Como peche do festival actuará Pensando en Ti, banda tributaria de Los Suaves, que ofrecerá un espectáculo inspirado nos directos da histórica formación ourensá liderada por Yosi, recuperando algúns dos grandes himnos do rock estatal.
A programación musical completarase coas sesións de DJ Coutinho, colaborador habitual do festival e encargado de poñer banda sonora aos diferentes momentos da fin de semana, e Jordi Pánico, que volverá animar os tempos entre concertos tras a boa acollida da pasada edición.
O Parga Rock consolídase así como unha das citas musicais de referencia do norte de Galicia, mantendo a súa filosofía de acceso gratuíto e reunindo na Carballeira de Parga bandas internacionais, grupos consolidados do panorama estatal e formacións galegas nunha edición que promete converterse nunha homenaxe á historia do rock e do heavy metal.