O Parlamento aproba a proposta socialista para incorporar a educación afectivo-sexual ao Ensino

A Comisión de Sanidade e Política Social do Parlamento aprobou onte por unanimidade unha iniciativa presentada pola portavoz de Igualdade do Grupo Socialista, Paloma Castro, para incorporar a educación afectivo – sexual no ensino obrigatorio. Castro presentou esta proposta na Comisión Institucional do Parlamento para esixirlle á Xunta que cumpra coa Lei e garanta unha educación en igualdade “estrutural, dotada de recursos, avaliable e con vocación de permanencia”.
Advertiu que “non podemos permitir que a pornografía se converta na principal escola de educación sexual da nosa mocidade”, que está aprendendo a relacionarse a través de “contidos nos que se cosifica ás mulleres e se presentan relacións marcadas pola dominación ou pola violencia”. Advertiu que “non queremos seguir chegando tarde, queremos cortar a violencia machista de raíz”, porque “mentres sigamos educando na desigualdade, seguiremos convivindo coa violencia”.
Esixiulle ao goberno galego que cumpra coa Lei Orgánica de Educación de 2020 e a Lei orgánica de garantía integral da liberdade sexual, que regulan a educación sexual no ensino obrigatorio, polo que “non estamos a pedir que a xunta faga algo extraordinario, estamos esixindo que cumpra a Lei”. Advertiu que “non chega con atender ás mulleres despois de sufrir violencia, temos que actuar para evitar que esa violencia se produza”.
A proposta aprobada hoxe reclama incorporar de maneira efectiva a educación afectivo – sexual aos proxectos curriculares dos centros de ensino obrigatorio, establecer un programa específico de formación do profesorado, e un protocolo específico de actuación ante posibles abusos sexuais a menores. Reclamou que a educación afectivo – sexual e o ensino en igualdade cheguen “a tódolos centros educativos de Galicia”.
Sociedade máis igualitaria
Castro sinalou que “podemos seguir contando agresións, lamentando cada novo caso de violencia machista e incrementando os recursos para atender ás vítimas, pero se non transformamos as raíces sociais e culturais da desigualdade, seguiremos chegando tarde”. Explicou que a proposta é “fundamental para avanzar cara a unha sociedade máis igualitaria e libre de violencia machista”.
Advertiu que segundo o INE, en 2025 foron condenados 584 menores por delitos contra a liberdade sexual, un 6,2 por cento máis que no ano anterior, e o 97,1 por cento deles eran rapaces. Ademais, a Fiscalía Xeral do Estado alerta de que durante aquel ano incoáronse 4.459 causas por delitos contra a liberdade sexual na xurisdición de menores, fronte ás 3.283 de 2024, rexistrando un incremento do 35,8 pro cento nun só ano.
Castro subliñou que a propia Fiscalía advirte da influencia que pode ter a falta dunha formación afectivo – sexual axeitada e o acceso temperán a contidos pornográficos que distorsionan a comprensión das relacións sexuais e do consentimento”.
Subliñou que “cando a escola non proporciona unha educación afectivo – sexual adecuada, ese baleiro pode ocupalo a pornografía”, e Save the Children sinalaba en 202 que o 68,2 por cento dos adolescentes enquistados consumiran pornografía no último mes, unha cifra que escalaba ata o 81,6 por cento no caso dos rapaces. Resumiu “non queremos limitar a nosa resposta a ensinarlles ás nenas a protexerse”, senón que “queremos educar aos nenos para que nunca exerzan violencia”.