O Parlamento dá luz verde á creación dun Centro Galego de Fotografía para preservar o patrimonio

A iniciativa impulsada polo BNG sae adiante por unanimidade e busca conservar e difundir o patrimonio fotográfico galego.
Mercedes Queixas
17 Apr 2026

O Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade a creación dun Centro Galego de Fotografía, unha iniciativa impulsada polo BNG que ten como obxectivo preservar, documentar, dixitalizar e difundir o patrimonio fotográfico do país.

A proposta, defendida pola portavoz de Cultura do BNG, Mercedes Queixas, saíu adiante tras unha transacción co PP que fixa a creación deste organismo público ao longo da presente lexislatura, dotándoo de persoal e financiamento adecuados.

O futuro centro permitirá recompilar e coordinar a xestión dos legados fotográficos históricos, así como crear un arquivo dixital e bibliográfico que facilite a conservación, estudo e difusión da fotografía en Galicia, ao tempo que impulsará a produción contemporánea e a investigación nesta disciplina.

Durante a súa intervención, Queixas destacou o valor das fotografías como parte esencial da identidade colectiva. “As fotografías son memoria persoal, biográfica e colectiva, que contan quen somos como pobo. É a nosa responsabilidade protexelo e conservalo”, afirmou.

A deputada sinalou que, na actualidade, parte deste patrimonio está custodiado en institucións como o Arquivo do Reino de Galicia, a Real Academia Galega, o Museo de Pontevedra ou o Museo do Pobo Galego, entre outras. Porén, advertiu do risco que corren moitos arquivos privados ou familiares, que non sempre contan cos recursos necesarios para a súa conservación.

Neste sentido, subliñou a necesidade de contar cun espazo que centralice a documentación, inventarie os fondos existentes e coordine os distintos arquivos, converténdose nun referente para a protección do patrimonio fotográfico galego.

Queixas lembrou tamén a figura de fotógrafos e fotógrafas clave na historia de Galicia, como José Suárez, Manuel Ferrol, Ruth Matilda Anderson, Xurxo Lobato ou Brais Lorenzo, destacando a relevancia das súas obras para comprender a evolución social e cultural do país.

A iniciativa, que naceu da propia sociedade e do sector fotográfico, supón un paso adiante na protección dun patrimonio considerado fundamental para a memoria colectiva de Galicia.

0.31954002380371