O Parlamento de Galicia admite a trámite a ILP por unha vivenda digna da Fronte Ampla

Movemento Sumar Galicia celebra a admisión a trámite por parte do Parlamento de Galicia da Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) "Por unha vivenda digna", presentada xunto a UGT Galicia e Partido Verde, e agarda iniciar nos próximos días a recollida das sinaturas necesarias para levar a proposta ao Parlamento galego.
A iniciativa propón limitar os prezos dos alugueiros, reforzar a función social da vivenda e combater as prácticas especulativas que difi cultan o acceso a un fogar. Medidas concretas para responder a unha emerxencia habitacional que expulsa persoas dos seus barrios e impide á mocidade e ás familias traballadoras desenvolver os seus proxectos de vida.
O secretario xeral de Movemento Sumar Galicia, Paulo Carlos López, destaca que "a vivenda debe ser o eixo central da campaña da Fronte Ampla, porque non hai proxecto de país se a xente non pode acceder a un fogar digno. Precisamos un goberno progresista con forza para actuar, sen depender de ningunha dereita, e coa vontade de aprobar as medidas ambiciosas e valentes que require esta crise".
Movemento Sumar Galicia chama á cidadanía a participar na recollida de sinaturas e a implicarse na campaña da Fronte Ampla para construír un impulso popular que permita revalidar o Goberno de progreso e avanzar en solucións reais. "Galicia necesita deputados e senadores comprometidos coa Fronte Ampla, capaces de levar a Madrid as demandas da maioría social e convertelas en leis e dereitos. O decisivo é ter forza para transformar a realidade desde o goberno, e o voto útil en Galicia é a Fronte Ampla", sinala López.