O Parlamento galego renderá homenaxe á mestra mindoniense Andrea López Chao

A iniciativa recoñece o legado educativo e social da mindoniense, que desenvolveu unha destacada traxectoria na emigración galega en Cuba
Rua-andrea-lopez-chao-mondonedo-2025
2 Nov 2026

O Parlamento de Galicia renderá homenaxe á mestra mindoniense Andrea López Chao nunha sesión plenaria prevista para o mércores 4 de novembro, ás 10.00 horas, na Cámara galega, en Santiago de Compostela. A institución aprobará unha declaración de recoñecemento á súa figura e ao seu legado educativo, social e asociativo, desenvolvido principalmente no seo da emigración galega en Cuba.

Nacida en Mondoñedo en 1874 e falecida na Habana en 1954, Andrea López Chao destacou polo seu traballo no ámbito educativo e pola súa implicación na vida social da colectividade galega na illa. Con esta iniciativa, o Parlamento pretende contribuír á recuperación da súa memoria e incorporar o seu exemplo e os valores que representou ao patrimonio histórico e colectivo de Galicia.

A homenaxe é o resultado dun proceso de investigación e divulgación impulsado desde Mondoñedo nos últimos anos, que permitiu recuperar a súa historia e achegala ás novas xeracións. O proxecto foi posible grazas á colaboración de distintas administracións, entidades asociativas e persoas vinculadas a Galicia, Madrid e Cuba.

A Comisión Organizadora da Homenaxe, presidida polo alcalde de Mondoñedo, Manuel Otero Legide, e coordinada por Luís Fernández Ansedes, presidente da Asociación Abrindo Camiño, foi a encargada de artellar esta colaboración. Na iniciativa participaron o Concello de Mondoñedo, a Xunta de Galicia, a Deputación de Lugo, o Consulado de Cuba en Galicia e o Consello da Cultura Galega, xunto coa Asociación Abrindo Camiño, a Liga Santaballesa e a Agrupación de Sociedades de Parroquias e Concellos da Habana.

O traballo contou tamén co asesoramento de numerosas persoas e coa investigación de historiadores como Andrés García Doural, Prudencio Viveiro, Antonio Reigosa, Pilar Cagiao, Daniel Vázquez Vila e Patricia Ares Muzio, entre outros. A recuperación da figura de López Chao desenvolveuse, ademais, ao abeiro das Xornadas do Peregrino Abrindo Camiño, que relacionan o estudo dos Camiños de Santiago coa emigración galega en América e os vínculos entre Galicia e Cuba.

O proceso comezou en 2021 coa instalación dun panel informativo con motivo do Día da Muller e o descubrimento dunha placa no Parque da Lembranza de Mondoñedo, acompañado da plantación dunha palmeira durante as XIV Xornadas Abrindo Camiño.

En 2022 formalizouse a proposta para que Mondoñedo liderase a investigación sobre a mestra, promovida por María Xosé Porteiro. Ese mesmo ano iniciáronse os contactos co Consulado de Cuba en Galicia e constituíuse a comisión encargada de organizar a homenaxe.

Durante 2023 intensificáronse as actividades de estudo e divulgación. Inaugurouse a exposición "O soño cubano", cedida polo Consello da Cultura Galega, e celebrouse un primeiro coloquio na Habana, no Palacio del Segundo Cabo. Tamén se instalou un panel informativo en varios idiomas na rúa Casas Novas e publicáronse o xornal "Mondoñedo na Memoria" e o libro de actas "Camiño de Santiago e Emigración", con contidos específicos sobre Andrea López Chao.

O ano 2024 estivo marcado pola conmemoración do 150 aniversario do seu nacemento e do centenario do Hospital Hijas de Galicia da Habana. O programa incluíu conferencias en diferentes localidades de Galicia e Madrid, así como unha expedición cultural e de cooperación a Cuba, na que se entregaron material médico e escolar. Tamén se colocaron placas conmemorativas na casa natal da mestra, en Mondoñedo, e no antigo Plantel Concepción Arenal da Habana.

A homenaxe continuou en 2025 coa inauguración, o 15 de setembro, da rúa Andrea López Chao en Mondoñedo, nun acto no que interviñeron a súa bisneta, Patricia Ares Muzio, e a concelleira Ánxeles Rodríguez Rico. Ademais, tivo lugar a preestrea dun documental sobre a súa vida.

A programación deste ano inclúe a recepción oficial no Parlamento galego, celebrada en marzo baixo a presidencia de Miguel Ángel Santalices Vieira, e a estrea, en outubro, no Salón Teatro de Santiago, do documental "O legado dunha mestra galega en Cuba. O poder de educar", no marco das XIX Xornadas Abrindo Camiño.

Tras a declaración institucional do Parlamento, está prevista tamén para finais de 2026 a presentación pública, no salón de plenos do Concello de Mondoñedo, dun número da revista "Ferrol Análise", editada polo Club de Prensa de Ferrol e patrocinada pola Deputación da Coruña, que incluirá varios artigos divulgativos sobre a homenaxe a Andrea López Chao.

0.30593800544739