O parque acuático de Monterrei abrirá as súas portas do 19 de xuño ao 13 de setembro

A apertura realizarase de maneira progresiva, en paralelo á incorporación de novas zonas que actualmente se atopan en fase de execución
parque-acuatico-monterrei
8 Jun 2026

O parque acuático do Complexo Deportivo de Monterrei iniciará a súa tempada de verán o próximo 19 de xuño, unha campaña que se prolongará ata o 13 de setembro de 2026, segundo informou a Xunta.

A apertura desenvolverase de forma escalonada, acompañando a posta en funcionamento das novas áreas que están actualmente en obras. Por este motivo, as tarifas iniciais manteranse en niveis semellantes aos do ano pasado e iranse adaptando a medida que entren en servizo os novos espazos previstos nas seguintes fases do proxecto, previsiblemente a partir de xullo.

No complexo continúan os traballos de ampliación correspondentes á segunda fase, que inclúe a creación dun espazo de relax con río lento e zonas verdes, cun investimento próximo aos 1,9 millóns de euros. A estas actuacións súmanse as fases tres e catro, que contemplan novos tobogáns e un parque multiaventura, cun orzamento estimado de 1,85 millóns. Estas intervencións desenvólvense no marco da colaboración entre a Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense.

A administración autonómica leva investidos ata o momento arredor de 9 millóns de euros na primeira fase do complexo, en funcionamento desde 2024, que incorpora piscinas infantís, de ondas e de relax, ademais dunha zona splash, áreas de xogos e diferentes atraccións acuáticas. Co conxunto destas actuacións, o investimento global do complexo deportivo e de ocio sitúase ao redor dos 13 millóns de euros.

Deles, aproximadamente 9 millóns corresponden á achega da Xunta, mentres que o resto enmárcase no acordo coa Deputación de Ourense para completar as obras actualmente en execución.

En paralelo, a Xunta formalizou o contrato de xestión integral do complexo para esta tempada estival coa empresa Osventos Innovación en Servizos. A licitación, realizada en febreiro por preto dun millón de euros e adxudicada en maio, permitirá a incorporación de máis de 70 traballadores, entre eles 30 socorristas con acreditación profesional, ademais de persoal sanitario, de mantemento, limpeza, control de accesos, cafetería e equipo de supervisión do recinto.

0.39238309860229