O persoal de coidados clama por condicións laborais dignas en Compostela

Traballadoras das residencias, SAF, discapacidade, educación infantil e protección de menores participaron nunha manifestación en Santiago para esixir salarios dignos, ratios adecuadas e convenios que recoñezan o seu labor esencial
Sanitarios
25 Nov 2025

O persoal das residencias privadas de maiores e centros de día, dos servizos de axuda no fogar, de protección de menores e reforma, da atención á discapacidade e das escolas infantís 0-3 sumou forzas este sábado en Compostela nunha manifestación convocada pola CIG para reclamar condicións laborais dignas e convenios colectivos xustos que poñan fin á precariedade que se arrastra desde hai anos.

A mobilización, que partiu da Alameda e rematou na Praza de Praterías, incluíu a lectura de manifestos nos que traballadoras de distintos sectores denunciaron a falta de recoñecemento económico, a enorme responsabilidade social do seu traballo e a “desidia” da Consellaría de Política Social ante demandas tanto laborais como de mellora da calidade asistencial.

Un dos principais sinais de alarma é o bloqueo da negociación colectiva por parte das patronais. Nas residencias privadas e centros de día, o convenio leva caducado desde 2023; no SAF non se actualiza desde 2012; e en sectores como as escolas infantís, a discapacidade ou a protección de menores mantéñense convenios estatais cualificados como “de miseria”. A CIG leva anos reclamando marcos propios galegos de negociación.

“Salarios miserentos e xornadas interminables”

As traballadoras das residencias e do SAF reiteraron a súa denuncia de “salarios miserentos, xornadas interminábeis, contratos precarios e convenios caducados”, e criticaron a “complicidade” da conselleira Fabiola García, á que acusan de criminalizar ao persoal que reclama condicións dignas. Lembraron que, meses despois do asasinato dunha compañeira no SAF do Porriño, aínda non existe un protocolo eficaz de protección.

Pediron ratios axeitadas, medios suficientes e tempos reais para garantir coidados de calidade. Reclamaron tamén un xiro radical fronte “á política mercantilista e privatizadora” da Xunta, cun sistema público galego de atención ás persoas que priorice dereitos fronte ao negocio empresarial.

Ás portas do 25N, cualificaron o modelo actual como “explotación institucionalizada” que recae sobre sectores feminizados e precarizados: “As únicas acosadas polo sistema político do PP somos nós”, denunciaron.

“Non somos garderías: somos escolas”

O persoal das escolas infantís advertiu da precariedade que sofren debido ao convenio estatal e á aplicación “a baixo custo” da gratuidade da etapa 0-3. Denunciaron discriminación salarial polas táboas A, B e C e reivindicaron salarios acordes á súa formación, redución da xornada e tempo para preparar actividades. “Non somos garderías: somos escolas”, insistiron.

As traballadoras dos centros de discapacidade describiron salarios que non chegan ao SMI e complementos absorbidos, e reclamaron ás patronais AEDIGAL e INRED que constitúan a Mesa Galega de Negociación.

No sector de menores e reforma, onde máis do 80% dos centros son de xestión privada, denunciouse un convenio estatal “precario e desfasado” que provoca diferenzas de 500 a 800 euros respecto ao persoal dos centros públicos. Alertaron de ratios imposíbeis, falta de cobertura de baixas, materiais escasos e instalacións que non garanten unha atención segura.

A CIG volveu reclamar á Xunta unha resposta inmediata ante un sector “ao bordo do colapso”, con persoal exhausto e fugas continuas de profesionais.

⚙ Configurar cookies
0.29668402671814