O persoal de Concentrix vai á folga contra un ERE que ameaza duplicar a destrución de emprego na Coruña

O comité de empresa convoca paros e mobilizacións para frear o despedimento inicial de 80 traballadores do servizo de Microsoft
A CORUÑA concentrix
11 Jul 2026

O conflito laboral en Concentrix intensifícase. O comité de empresa, integrado por CCOO, CIG, UGT e CGT, anunciou a convocatoria dunha xornada de folga de 24 horas e de dúas concentracións para reclamar a retirada do Expediente de Regulación de Emprego (ERE) presentado pola compañía, que afecta inicialmente a 80 traballadores do centro da Coruña, aínda que os sindicatos advirten de que a cifra podería elevarse ata os 160 despedimentos.

A representación das persoas traballadoras denuncia que este proceso non responde a causas organizativas inevitables, senón á estratexia impulsada por Microsoft de reducir persoal e substituír parte da atención ás persoas usuarias por sistemas de autoxestión e ferramentas de intelixencia artificial. Concentrix, multinacional que presta servizos a case un cento de grandes empresas e emprega a máis de 5.000 persoas no Estado, conta, segundo o comité, coa capacidade suficiente para redistribuír cargas de traballo e evitar a destrución de emprego.

A situación agravouse durante o propio período de consultas do ERE. Segundo explica o comité, a empresa comunicou a perda dun novo servizo distinto ao incluído inicialmente no expediente, o que podería supoñer outros 80 despedimentos no centro coruñés. Os representantes sindicais consideran que este cambio altera por completo o escenario da negociación e deixa á parte social nunha situación de "indefensión", ao iniciarse o proceso cunhas condicións que posteriormente foron modificadas pola dirección.

O comité acusa ademais a Concentrix de non actuar coa boa fe esixible nun procedemento destas características. Entre outras cuestións, denuncia limitacións ao crédito horario das delegadas e delegados sindicais, demoras na entrega de documentación esencial, a falta dun plan real de recolocación e a ausencia de alternativas para evitar os despedimentos. Na reunión celebrada o pasado 6 de xullo, a propia empresa recoñeceu que non existen vacantes no centro da Coruña nin previsión de novas incorporacións, limitándose a mencionar posibles oportunidades noutros centros sen concretar unha proposta efectiva para o persoal afectado.

Ante esta situación, a representación legal das persoas traballadoras reclama a retirada inmediata do ERE, a apertura dunha negociación real e a elaboración dun plan de viabilidade que contemple medidas como a recolocación dentro do grupo, o teletraballo en campañas doutros centros ou a redistribución das cargas de traballo para evitar a perda de emprego.

Como medida de presión, o comité convocou unha concentración o luns 13 de xullo, entre as 13.30 e as 14.00 horas, diante do centro de traballo de Concentrix, situado na rúa Newton número 7 da Coruña. As mobilizacións continuarán o mércores 15 de xullo cunha concentración diante da Delegación do Goberno, na praza de Ourense, entre as 11.30 e as 12.00 horas, coincidindo cunha xornada de folga de 24 horas coa que o persoal pretende visibilizar o seu rexeitamento ao expediente e reclamar unha solución que permita manter os postos de traballo.

0.40301895141602