O persoal de Ferroglobe en Arteixo iniciou as mobilizacións contra o ERTE cunha concentración diante da planta de Sabón

O comité mantén o seu rexeitamento ao expediente temporal de emprego e reclama un plan de viabilidade para garantir o futuro da única fábrica de silicio metal de España
ARTEIXO folga ferroglobe
16 Jul 2026

O persoal de Ferroglobe Spain Metals en Arteixo deu este mércores o primeiro paso no calendario de mobilizacións anunciado polo comité de empresa para rexeitar o Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) presentado pola dirección. Traballadores e representantes sindicais concentráronse diante da planta de Sabón para expresar o seu desacordo coa medida e reclamar solucións que garantan a continuidade da actividade.

O comité de empresa, integrado por representantes da CIG e da UGT, considera que o ERTE pon en risco o futuro dunha instalación estratéxica para a industria galega e estatal. A planta de Sabón é actualmente a única de España dedicada á produción de silicio metal e sostén máis de 113 empregos directos e arredor de 200 indirectos.

A representación do persoal insiste en que a situación responde á falta de medidas de protección por parte das institucións europeas fronte á entrada de silicio procedente de China a prezos que consideran de competencia desleal. Segundo denuncian, esta situación está a provocar unha perda de competitividade que repercute directamente na actividade da fábrica.

Os representantes sindicais tamén reclaman á empresa un plan de viabilidade que permita asegurar a continuidade da produción e lamentan que non se adoptasen medidas para mellorar a competitividade da planta, como a procura de acordos enerxéticos ou novos mercados para o silicio producido en Arteixo.

Coa concentración celebrada este xoves arrinca un calendario de protestas co que o persoal pretende manter a presión sobre a dirección da compañía e sobre as administracións para evitar que o expediente temporal de emprego supoña un paso máis cara ao deterioro da actividade industrial en Sabón.

0.33417391777039