O persoal de Valoriza en Poio convoca catro xornadas de folga ante o bloqueo da negociación do convenio

As persoas traballadoras de Valoriza Servizos Medioambientais, empresa encargada do servizo de recollida de lixo e limpeza viaria no Concello de Poio, acordaron en asemblea e por maioría convocar catro xornadas de folga para os días 22, 23, 24 e 25 de xuño. A decisión foi comunicada polo delegado de persoal, Rubén Outeda Abilleira, tras meses de negociacións sen avances e nun contexto de crecente preocupación entre o cadro de persoal pola súa situación laboral.
Segundo explican os representantes dos traballadores, a principal causa do conflito é a ausencia dun convenio colectivo en vigor, xa que o anterior expirou o pasado 31 de decembro de 2024. Desde entón, a representación sindical presentou unha proposta de convenio para os anos 2025 e 2026 que incluía incrementos salariais do 2,8% para o primeiro exercicio e do 2,9% para o segundo, porcentaxes que consideran moderadas e asumibles.
Porén, denuncian que a dirección da empresa non respondeu á proposta presentada, malia o paso dos meses, mantendo unha actitude de silencio que, ao seu xuízo, evidencia unha falta de vontade para resolver o conflito e avanzar cara a un acordo que mellore as condicións laborais da plantilla.
O persoal amosa tamén o seu malestar pola evolución dos salarios durante os últimos anos. Segundo os datos facilitados polos traballadores, durante os once anos de vixencia da actual concesión os soldos incrementáronse unicamente nun 4,5%, mentres que o beneficio ou volume de negocio da empresa medrou un 42% no mesmo período.
Neste sentido, sinalan que o salario base dunha persoa peoa pasou de 920,55 euros mensuais en 2015 a 961,97 euros en 2024, o que supón unha subida de apenas 41,42 euros en once anos. No caso dos condutores e condutoras, o salario base aumentou de 1.049 euros a 1.096,21 euros no mesmo período, cun incremento total de 47,21 euros.
Os traballadores consideran que esta situación evidencia unha perda continuada de poder adquisitivo e denuncian unha crecente precarización das condicións laborais, especialmente tendo en conta que aínda restan cinco anos para a finalización do contrato de concesión co Concello de Poio.
Por este motivo, o cadro de persoal reclama á empresa que abandone a súa postura actual, retome as negociacións e presente unha proposta que permita avanzar cara a un convenio colectivo que compense a perda salarial acumulada durante máis dunha década e garanta unhas condicións laborais dignas para o conxunto da plantilla.