O persoal do comercio acampa ante a CEG para reclamar un acordo marco galego que blinde os convenios provinciais

As traballadoras e traballadores do sector do comercio concentráronse este martes diante da sede da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), en Santiago de Compostela, para reclamar a sinatura dun acordo marco interprofesional galego que garanta a prevalencia dos convenios provinciais e evite a aplicación dos recortes laborais recollidos no convenio estatal ARTE. A mobilización concluíu coa instalación dunha acampada reivindicativa na Rúa do Vilar, ás portas da patronal galega, onde as persoas participantes anuncian que permanecerán ata que sexan desaloxadas.
A protesta forma parte do calendario de folgas e mobilizacións que o persoal do sector vén desenvolvendo nos últimos meses en defensa das súas condicións laborais e salariais e dunha negociación colectiva de proximidade que lles permita manter capacidade de decisión sobre os seus dereitos.
A acampada trasládase a Compostela despois de dúas semanas de presenza continuada diante da sede da patronal da Coruña. Segundo denuncian as organizacións sindicais, a patronal coruñesa é unha das máis reticentes a avanzar cara a un marco galego de negociación e continúa sen constituír a mesa para negociar o convenio provincial do comercio vario, caducado desde o pasado 31 de decembro.
As persoas mobilizadas consideran que a sinatura do convenio estatal ARTE supón unha ameaza directa para as condicións laborais conquistadas a través da negociación provincial. Por iso, reclaman á patronal galega que adopte medidas para garantir o mantemento dos actuais dereitos laborais e impedir o que cualifican como un intento de recentralizar a negociación colectiva baixo o argumento da harmonización do sector.
Desde a CIG-Servizos advirten de que o convenio estatal, asinado polas grandes multinacionais do téxtil e do calzado, entre elas Inditex, Mango, H&M ou Primark, xunto con CCOO e Fetico, provocará un retroceso nas condicións laborais do persoal. O sindicato sostén que a súa aplicación establecerá diferenzas dentro dunha mesma empresa entre os traballadores xa contratados e os de nova incorporación, que pasarían a percibir salarios máis baixos e a contar con menos dereitos.
Segundo os cálculos da organización sindical, a aplicación do convenio ARTE podería supoñer perdas salariais de entre 2.000 e 5.000 euros anuais para parte do persoal da Coruña e Pontevedra. Ademais, denuncian que provocaría a desaparición do complemento de antigüidade previsto nos convenios de Lugo e Ourense, a obrigatoriedade de traballar en domingos e festivos de apertura comercial, unha menor capacidade de planificación dos horarios e a extensión da contratación fixa descontinua a tempo parcial.
O secretario nacional da CIG-Servizos, Carlos Alján, sinala que a mobilización sostida do persoal xa obrigou a introducir modificacións nalgúns dos aspectos máis lesivos da proposta inicial da patronal, como os relacionados coa cobertura das baixas médicas ou co cómputo dos descansos dentro da xornada laboral. Con todo, advirte de que estas correccións teñen carácter temporal e só afectan ás provincias onde estes dereitos xa estaban recoñecidos nos convenios vixentes.
Por este motivo, as traballadoras e traballadores aseguran que manterán a presión sobre a patronal galega para que impulse un acordo marco interprofesional galego, seguindo o modelo existente no País Vasco, ou, alternativamente, para que se abra unha negociación dun convenio galego do comercio que permita preservar os dereitos actuais e avanzar na conquista doutros novos.