O Pico Sacro revive a tradición celta coa Cerimonia do Lume Sagrado

O Pico Sacro converteuse un ano máis no escenario da tradicional Cerimonia do Lume Sagrado, un ritual inspirado nas antigas celebracións celtas coas que os devanceiros conmemoraban a chegada do Solsticio de Verán obtendo o lume directamente da luz solar. O bo tempo acompañou a celebración e permitiu o desenvolvemento desta actividade nunha xornada marcada pola elevada participación de público.
Encabezados pola Raíña Alda e polo seu Druída, os integrantes da Asociación da Fervenza do Castro de Callobre, da Estrada, concentráronse na zona do aparcamento do Pico Sacro para iniciar un desfile ata a Capela de San Sebastián. O percorrido estivo acompañado pola música do grupo folclórico local Son de Gaita, de Sergude, que puxo ambiente á comitiva.
Xa diante da ermida do Pico Sacro, o Druída iniciou o ritual utilizando o seu bastón, equipado cunha lupa no extremo, para concentrar os raios solares sobre a ramaxe colocada no pebeteiro e conseguir así prender o lume. A pesar das altas temperaturas rexistradas durante a xornada, o proceso prolongouse durante varios minutos, o que levou a moitas das persoas asistentes a buscar refuxio na sombra da Capela de San Sebastián.
De feito, a intensa calor fixo que o pebeteiro chegase a prender en varias ocasións, pero a suave brisa que sopraba no Monte Ilicino dificultou que as lapas se mantivesen acesas. Finalmente, tras varios intentos e esforzos, o Druída conseguiu obter o Lume Sagrado, cuxas chamas serviron para acender as candeas dos veciños e veciñas de Boqueixón presentes no acto, que posteriormente utilizarán para prender as tradicionais cacharelas de San Xoán.
O alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, acompañado polo concelleiro de Turismo, José Luís Mareque, e polo concelleiro de Obras, Manuel Fernández Munín, agradeceu un ano máis a colaboración da Asociación da Fervenza do Castro de Callobre na organización desta actividade.
Durante a súa intervención, o rexedor tamén animou aos asistentes a participar na iniciativa “Atardeceres no Pico Sacro”, unha programación que se desenvolverá todos os venres, sábados, domingos e vésperas de festivos. Segundo explicou, haberá unha food truck no enclave acompañada de música e outras actividades destinadas a desfrutar dos solpores e da contorna natural do Pico Sacro.
Ademais, avanzou que tamén se celebrarán degustacións vinculadas a algunhas das festas de interese turístico máis representativas do municipio, entre elas a Festa da Filloa de Lestedo, os Xenerais da Ulla de Sergude e as Carrozas de San Cidre.