O Pleno aproba unha declaración contra a violencia e a concesión da Medalla de Ouro a Alejandra Neira

A Corporación Municipal de Santiago vén de aprobar por unanimidade no Pleno ordinario de outubro, celebrado este luns 2 de novembro, dúas declaracións institucionais. Dunha banda, o Concello reafirma o seu compromiso contra calquera forma de violencia machista co gallo da conmemoración do 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Doutra, acorda trasladar ao Consello Asesor de Condecoracións a proposta de concesión da Medalla de Ouro da Cidade a Alejandra Neira Domínguez, polos seus éxitos deportivos internacionais e por levar o nome de Santiago de Compostela ao máis alto nivel do ciclismo feminino, como exemplo do talento que nace no deporte de base de Compostela.
Ambas as dúas declaracións institucionais foron apoiadas por BNG, CA, PP, PSdeG-PSOE e concelleiro e concelleiras non adscritas.
A sesión ordinaria do Pleno da Corporación convocada para o 29 de outubro foi adiada ao 2 de novembro como mostra da dor ante o tráxico accidente ferroviario que aconteceu o día 28 de outubro en Toledo. O Pleno deu comezo cun minuto de silencio en memoria das vítimas deste sinistro e das mulleres asasinadas por violencia machista.
Declaración polo 25N
Na Declaración Institucional polo 25N, o conxunto dos grupos condenan todo acto de violencia machista e lembran con recoñecemento todas as vítimas: as mulleres asasinadas, as superviventes e os seus fillos e fillas.
Acordan seguir traballando para que a prevención sexa a prioridade e reafirman o Concello como primeira porta de acollida, á vez que se apostan por consolidar programas estables de prevención dirixidos á mocidade e desenvolver campañas específicas de sensibilización para este colectivo..
Así mesmo, a Corporación Municipal insta as demais administracións públicas a garantir recursos estables e suficientes, formación especializada e continua para todo o persoal que intervén na atención ás vítimas, así como o desenvolvemento íntegro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.
Medalla de Ouro ao mérito deportivo
Por outra banda, o Pleno da Corporación concorda en quea ciclista compostelá Alejandra Neira Domínguez merece o máximo recoñecemento municipal tras proclamarse campioa do mundo júnior de ciclismo en ruta e campioa de Europa júnior de contrarreloxo individual no ano 2026.
Nada en Santiago de Compostela en 2008, a súa traxectoria deportiva é excepcional, con éxitos internacionais que culminan nunha progresión que xa a levara a conquistar títulos estatais, entre eles o Campionato de España júnior de contrarreloxo en 2025 e o dobrete nacional de ruta e contrarreloxo en 2026. Ao seu palmarés súmanse tamén triunfos en competicións internacionais, como a Liexa-Bastoña-Liexa feminina júnior, que confirman o seu talento e a súa capacidade competitiva.
As concelleiras e concelleiros composteláns valoran ademais que Alejandra Neira se converteu xa nunha embaixadora deportiva de Santiago, levando o nome da cidade ás grandes competicións internacionais e contribuíndo á súa proxección exterior.
O Pleno de Santiago considera así que os extraordinarios méritos deportivos de Alejandra Neira, a súa vinculación coa cidade e os valores de esforzo, superación e igualdade que representa xustifican a concesión da Medalla de Ouro da Cidade de Santiago de Compostela ao mérito deportivo, polo que a Corporación traslada esta proposta ao Consello Asesor de Condecoracións e insta o Goberno local a promover un acto institucional de entrega da Medalla de Ouro da Cidade que permita compartir este recoñecemento coa deportista, coa súa familia, co Club Ciclista Compostelano e coa cidadanía de Santiago de Compostela.
Toma de posesión de Saltea Chao
A toma de posesión de Saleta Chao Rivas como concelleira da Corporación Municipal de Santiago tivo lugar este luns no Pleno ordinario de outubro, adiado ao 2 de novembro en sinal de dor ante o tráxico accidente ferroviario acontecido na provincia de Toledo.
Saleta Chao incorpórase ao Goberno local como concelleira de Economía e Facenda, Persoal, Contratación e Modernización da Administración tras a renuncia de Manuel César por motivos persoais.
Veciña do barrio de Conxo, Saleta Chao é graduada en Pedagoxía e en Educación Infantil pola Universidade de Santiago de Compostela e conta cun mestrado en Política Educativa pola University of Roehampton.
Ten experiencia como pedagoga social e educadora familiar na Administración local, en Galicia e en Londres, onde tamén traballou no terceiro sector. Participa no asociacionismo vinculado á música e ao baile tradicionais. É deputada no Parlamento de Galicia.