O Pleno de Vigo aproba a ordenanza que regula as vivendas de uso turístico

O Pleno do Concello de Vigo aprobou a ordenanza reguladora das vivendas de uso turístico, unha normativa que, segundo o goberno local, pretende garantir seguridade xurídica, convivencia veciñal e protección do dereito á vivenda. A proposta saíu adiante cos votos favorables do PSOE, mentres que PP e BNG votaron en contra.
A concelleira de Urbanismo, María Xosé Caride, explicou que esta regulación se enmarca no novo PXOM, que xa contempla o uso terciario para este tipo de actividades, e lembrou que as vivendas de uso turístico están destinadas ao aloxamento temporal e non poden ter carácter de residencia habitual.
A ordenanza establece como requisito imprescindible contar co correspondente título habilitante antes de iniciar a actividade. Ademais, as vivendas turísticas só poderán implantarse en edificios de uso completo destinados a este fin ou en plantas baixas e altas, sempre que conten con acceso independente respecto das vivendas residenciais.
Tamén se prohibe expresamente a implantación deste tipo de vivendas naquelas que fosen rehabilitadas con axudas públicas ou que conten con algún tipo de protección.
A normativa contempla a posibilidade de que o Concello declare determinadas áreas, barrios ou rúas como zonas saturadas ou de intensidade limitada, tras o correspondente estudo e tramitación administrativa.
Nova ordenanza de licenzas
Na mesma sesión plenaria aprobouse inicialmente unha nova ordenanza reguladora de licenzas para axilizar procedementos administrativos e facilitar a actividade económica.
O texto permitirá iniciar determinadas obras ou actividades de baixo impacto mediante comunicación previa ou declaración responsable, sen necesidade de agardar pola licenza municipal. Esta medida afectará especialmente a actuacións menores en vivendas e locais e á apertura de negocios de baixo risco.
Inclúe tamén regulación específica para a instalación de puntos de recarga de vehículos eléctricos e sistemas de enerxías renovables en cubertas de edificios.
Segundo explicou Caride, as actuacións en edificios históricos, de alto risco ou que afecten á estrutura seguirán requirindo licenza urbanística tradicional.
Ambas ordenanzas serán sometidas agora a información pública durante 30 días hábiles para a presentación de alegacións. De non presentarse, quedarán aprobadas definitivamente.