O PP de Lugo critica a falta de prazos do Goberno para reparar os desprendementos na A-54 en Guntín

Os senadores José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano denuncian a demora nas actuacións e a ausencia de avances no último tramo entre Melide e Arzúa
a-54-autovia-lugo-santiago-ourense
29 Jun 2026

Os senadores do Partido Popular por Lugo José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano criticaron que o Goberno central continúa sen ofrecer prazos concretos para o arranxo dos desprendementos dos taludes laterais da autovía A-54, rexistrados durante o pasado inverno á altura de Guntín.

Segundo denuncian, en varios puntos da vía seguen instalados sinais de emerxencia e restricións de tráfico derivadas destes danos, incluíndo cortes de carril, sen que se estean executando traballos efectivos de reparación e estabilización. Os populares sinalan ademais que o propio Executivo recoñece que as actuacións nos taludes afectados polas intensas precipitacións da campaña invernal 2025-2026 aínda se atopan en fase de tramitación.

O PP de Lugo lamenta que o Goberno de Pedro Sánchez non detalle que tipo de intervencións prevé nin explique os motivos do atraso, nin tampouco cando se podería recuperar a normalidade na circulación. Neste sentido, expresan a súa preocupación polo estado de conservación dos tramos afectados e pola posible incidencia na seguridade viaria, así como polas molestias derivadas das restricións nunha infraestrutura de alta capacidade.

Os senadores populares tamén advirten de que non se ofrece unha data para a finalización das obras do último tramo da autovía entre Lugo e Santiago, concretamente entre Melide e Arzúa, unha actuación que consideran clave para completar a conexión.

Segundo lembran, a A-54 acumula atrasos desde hai anos e segue sen estar finalizada na súa totalidade, a pesar de tratarse dunha infraestrutura estratéxica para a mobilidade e a vertebración territorial de Galicia. Para os representantes do PP, esta situación reflicte, ao seu xuízo, unha falta de interese do Goberno tanto na conclusión da vía como no seu mantemento axeitado.

0.37277221679688