O PP de Lugo pide explicacións ao Goberno polos desprendementos na A-54 entre Lugo e Santiago

Os senadores do Partido Popular de Lugo, José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano veñen de rexistrar no Senado unha batería de preguntas dirixidas ao Goberno de España para esixir explicacións polos desprendementos e incidencias detectadas nos taludes laterais da A-54, así como polas actuacións previstas para estabilizar a infraestrutura e recuperar a normalidade do tráfico.
Os populares advirten da “preocupación” existente entre os usuarios desta vía ante os problemas de seguridade viaria e as continuas molestias derivadas dos cortes de carrís e restricións á circulación provocadas polos desprendementos de terra en distintos puntos dos tramos xa en servizo.
Neste sentido, os senadores lembran que as medidas de emerxencia, a sinalización provisional e as limitacións ao tráfico levan demasiado tempo activas, algo que consideran “inaceptable” nunha autovía de alta capacidade chamada a converterse nun eixo estratéxico para Galicia.
Critican ademais que o Goberno de Pedro Sánchez acumule atrasos e incumprimentos na execución da A-54 e denuncian que, segundo sinalan, tampouco se está garantindo un mantemento e conservación adecuados nos tramos xa abertos ao tráfico.
Desde o PP lucense sosteñen que a situación evidencia o abandono das infraestruturas da provincia de Lugo e que os problemas actuais afectan directamente á seguridade dos condutores.
Así mesmo, conclúen que a A-54 é unha infraestrutura fundamental para vertebrar o interior de Galicia e conectar Lugo con Santiago en condicións de seguridade e competitividade, pero consideran que se converteu nun símbolo dos atrasos e da falta de compromiso coa provincia.