O PP de Taboada constitúe unha xestora presidida por Luis Gómez con vistas ás municipais de 2027

O Partido Popular de Taboada vén de constituír unha xestora local que estará presidida por Luis Gómez García, quen lidera un equipo integrado por arredor de 15 persoas co obxectivo de preparar a organización de cara ás eleccións municipais de 2027.
Segundo explicou o propio presidente da xestora, o novo órgano nace coa intención de “aglutinar a todos os que cren no noso proxecto”, e mantén unha vontade de apertura á incorporación de novas persoas que queiran sumarse ao traballo do partido. O obxectivo principal, segundo sinalan, é “preparar unha candidatura que teña opcións de recuperar a alcaldía”.
Luis Gómez, de 54 anos, desempeñou durante 16 anos responsabilidades no goberno local de Taboada como concelleiro, exercendo tamén como segundo tenente de alcalde e asumindo áreas como réxime interior e deportes. Ata o momento, exercía ademais como secretario xeral da agrupación local.
A nova estrutura local inclúe tamén a Sonia Conde como secretaria, ademais de varios vogais entre os que figuran José Jesús Ramos, Dulce Montes, Alfonso Gómez, Emilio Vázquez e Cruz Gómez. O equipo complétase con catro concelleiros e representantes de Novas Xeracións.
A xestora anunciou tamén a posta en marcha dunha campaña de afiliación e o reforzo da presenza do partido nas redes sociais, que consideran unha ferramenta clave para manter o contacto coa veciñanza.
No encontro de constitución participou a presidenta provincial, Elena Candia, xunto a outros membros da dirección do PP de Lugo, que agradeceron o traballo da agrupación local e destacaron a vontade de seguir traballando “desde a unidade e a responsabilidade”.