O PP denuncia que o estudo para mellorar a conexión ferroviaria entre Lugo e Santiago segue sen finalizar

O PP denuncia que o Estudo de viabilidade para a mellora da conexión ferroviaria entre Lugo e Santiago de Compostela continúa sen finalizar máis de dous anos despois do seu anuncio. Así o aseguran os senadores lucenses José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano, que basean as súas críticas nunha resposta oficial por escrito do Goberno de España.
Segundo explican os populares, o Executivo recoñece na súa resposta que "desde a Dirección Xeral do Sector Ferroviario, actualmente atópase en fase de redacción o contrato de servizos para a redacción do estudo de viabilidade para a mellora da conexión ferroviaria entre Lugo e Santiago de Compostela".
Os senadores do PP consideran que esta resposta resulta "incongruente" cos anuncios de licitación realizados anteriormente polo propio Goberno. Lembran que o Executivo anunciou en marzo de 2025 o inicio do estudo de viabilidade, cun prazo de execución de 18 meses, período que, segundo sinalan, xa se cumpriu "sen que teñamos coñecemento de ningún avance".
O PP tamén reivindica a necesidade de mellorar a conexión ferroviaria entre Lugo e Santiago e asegura que "Lugo é a única capital de provincia de Galicia que continúa sen conexión directa con Santiago de Compostela por tren". Os populares engaden que tamén é a única capital galega sen acceso directo ao AVE e atribúen esta situación á decisión do Goberno de Sánchez de renunciar á construción das variantes ferroviarias.
Ante esta situación, Barreiro, Balseiro e Serrano anuncian que volverán solicitar por escrito explicacións ao Goberno de España sobre o estado de execución do estudo de viabilidade e sobre os avances previstos para conectar de forma directa Lugo con Santiago por tren.