O PP reclama no Senado que a balneoterapia se inclúa na carteira do Sistema Nacional de Saúde

Os senadores ourensáns defenden o termalismo como ferramenta sanitaria, económica e de desenvolvemento territorial
balneario-augas-santas
30 Apr 2026

Os senadores ourensáns do Partido Popular rexistraron unha moción na Comisión de Sanidade coa que solicitan que os tratamentos de balneoterapia se incorporen á carteira común de servizos do Sistema Nacional de Saúde (SNS). A iniciativa está impulsada polos senadores José Manuel Baltar, María del Carmen Leyte, Francisco José Fernández e Rosa María Sánchez Gándara, xunto ao portavoz de Sanidade do grupo popular na Cámara alta, Enrique Ruíz, e a portavoz Alicia García.

O texto defende a incorporación destes tratamentos ao sistema público de saúde baseándose no seu impacto sanitario e social, e sinala a existencia de “evidencia científica suficiente” para avalar a súa utilidade.

Entre os argumentos expostos, os senadores destacan que a balneoterapia podería mellorar a calidade de vida de pacientes con enfermidades crónicas e pluripatolóxicas, reducir o consumo de medicamentos e diminuír os tempos de baixa laboral ou incapacidade temporal. Tamén apuntan a un posible aforro no sistema sanitario ao reducir consultas e tratamentos reiterados en atención primaria e especializada, así como o seu papel na prevención de enfermidades e no envellecemento saudable.

A proposta tamén incide na dimensión territorial do termalismo. Segundo o PP, a inclusión destes tratamentos no SNS actuaría como un motor económico para o rural e para zonas afectadas polo despoboamento, onde se concentran moitos dos balnearios.

Neste sentido, a moción pon o foco na provincia de Ourense, á que define como un dos principais referentes termais de Europa e “Capital Termal de Galicia”, recoñecemento aprobado polo Parlamento galego en 2008. Os populares sosteñen que potenciar este sector tería un impacto directo no desenvolvemento económico e no benestar da poboación.

No plano comparativo, os senadores critican que España se sitúe entre os países europeos nos que estes tratamentos non están financiados polo sistema público, xunto a estados como Dinamarca, Estonia ou Países Baixos. Fronte a isto, lembran que países como Francia, Alemaña, Italia ou Portugal xa os integran nos seus sistemas sanitarios, e que noutros como Hungría ou República Checa contan con reembolso parcial ou total.

Para avanzar nesta proposta, o PP solicita que a Comisión de Sanidade inste ao Goberno a pedir un informe á Rede Española de Axencias de Avaliación de Tecnoloxías Sanitarias, co obxectivo de determinar as indicacións clínicas axeitadas en función da evidencia científica, a seguridade e a eficiencia.
Ademais, os populares consideran que esta medida permitiría reforzar a competitividade internacional dos balnearios españois e atraer pacientes doutros países europeos nos que estes tratamentos xa forman parte da cobertura sanitaria pública.

0.42564797401428