O PPdeG denuncia a paralización da A-74 e acusa a Sánchez de "abandonar" A Mariña durante oito anos

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, denunciou desde Barreiros a falta de avances no proxecto da autovía A-74, unha infraestrutura que considera fundamental para vertebrar A Mariña. A dirixente popular criticou que as obras sigan sen licitarse, así como o recorte do trazado inicialmente previsto, e responsabilizou o Goberno de Pedro Sánchez da situación. "Este é un exemplo máis dos oito anos que leva Sánchez abandonando á Mariña e a Galicia en proxectos fundamentais", afirmou. Tamén acusou o BNG de ser "socio e cómplice necesario" dos socialistas e de non facer nada para impulsar a vía.
Prado realizou estas declaracións nun dos puntos polos que debería discorrer a autovía, acompañada polo cabeza de lista do PP ao Congreso pola provincia de Lugo, Francisco Conde; o número un ao Senado, José Manuel Barreiro; outros integrantes das candidaturas e alcaldes e portavoces populares da zona. Para a secretaria xeral do PPdeG, a única "garantía" para favorecer o desenvolvemento económico, social e industrial da comarca pasa por un Goberno presidido por Alberto Núñez Feijóo.
A dirixente lembrou que, nas eleccións xerais de 2023, o líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, prometera desde ese mesmo lugar que as obras da A-74 comezarían en 2024. "Foi unha mentira máis", asegurou Prado, que se preguntou se Besteiro volverá á Mariña durante a campaña do 29N para "volver prometer a autovía" ou se, pola contra, "seguirán bailando e facendo cardio".
Tamén cuestionou a actuación do BNG e lembrou que a formación nacionalista non participou no debate do Senado no que se abordou o proxecto da A-74. "Como sempre, moi bravos en Galicia e moi mansos en Madrid. Son os do non a todo, tamén non á A-74", afirmou.
Pola súa banda, Francisco Conde e José Manuel Barreiro incidiron nos "oito anos perdidos" co Goberno de Sánchez e presentaron a autovía como un exemplo do abandono da Mariña e da provincia de Lugo en materia de infraestruturas. Conde destacou que a comarca leva moito tempo agardando por unha vía que debería ofrecer unha alternativa á estrada nacional N-642, que soporta un elevado volume de tráfico e constitúe un dos principais accesos ao Hospital da Mariña, en Burela, e a Alcoa, instalación vinculada a un porto de interese xeral do Estado.
Barreiro asegurou que o Goberno central non só non avanzou no proxecto, senón que "retrocedeu". Segundo indicou, non executou a partida orzamentaria de 3,6 millóns de euros que deixara consignada o Executivo de Mariano Rajoy e, ademais, presentou o proxecto dun subtramo, o de O Carme-Barreiros, reducindo á metade a súa lonxitude.
Ante o que consideran unha falta de mantemento e de avances nas infraestruturas, os populares defenderon o Plan Nacional de Infraestruturas presentado por Feijóo, que contempla actuacións para manter vías e liñas ferroviarias, garantir a seguridade e acometer posteriormente investimentos nas autovías pendentes.
Antes das declaracións en Barreiros, Paula Prado e os candidatos ás Cortes Xerais realizaron un paseo por Ribadeo acompañados polo alcalde, Dani Vega. Durante a visita, coñeceron as demandas e preocupacións da veciñanza, que tamén reclama mellores conexións e infraestruturas para a comarca.