O PPdeG levará ao Parlamento o sistema de dependencia e a industria conserveira

O portavoz do Grupo Parlamentario Popular, Alberto Pazos, avanzou hoxe as principais iniciativas que os populares levarán ao vindeiro pleno, centradas na defensa do benestar social, dos sectores produtivos galegos e na esixencia de responsabilidade ao Goberno de Pedro Sánchez.
Entre elas, destacou dúas prioridades: impulsar o sistema galego de atención á dependencia para acadar este mesmo ano as 100.000 persoas atendidas con prestacións ou servizos efectivos e defender a industria conserveira galega fronte á ameaza que suporía a eliminación dos aranceis ao atún procedente de Tailandia.
Pazos explicou que o Grupo Popular defenderá unha proposición non de lei para seguir reforzando o sistema galego de dependencia, que xa pechou o primeiro trimestre de 2026 con 93.892 persoas atendidas, un 20% máis que no mesmo período do ano anterior e seis veces máis que en 2009.
Ademais, lembrou que Galicia conta cunha ratio de atención do 99,4%, unha das máis elevadas de España, e que a Xunta destina este ano máis de 844 millóns de euros á dependencia e aos servizos sociosanitarios, case un 17% máis que en 2025.
O portavoz popular puxo tamén en valor os resultados do Plan de Choque posto en marcha en xaneiro de 2025, que permitiu resolver case o dobre de expedientes nun ano e reducir en dous meses os tempos de agarda.
Fronte a este esforzo, denunciou a falta de compromiso do Goberno de Pedro Sánchez, que incumpre a súa obriga legal de financiar o 50 % do sistema e reduciu progresivamente a súa achega, desde o 40 % en 2023 ata o 32,9 % en 2025, acumulando unha débeda histórica con Galicia de máis de 3.000 millóns de euros.
Pazos criticou tamén que o Executivo central recorrera o Plan de Choque da Xunta, tratando de frear unha medida pioneira que permitía a homologación automática da discapacidade para as persoas con dependencia recoñecida. “Fronte a un Goberno central que asfixia financeiramente o sistema e bloquea as melloras nos xulgados, o PPdeG aposta por máis recursos, menos burocracia e unha atención máis áxil, indicou o voceiro popular.
DEFENSA DO ATÚN FRONTE Á COMPETENCIA DESLEAL DE TAILANDIA
A segunda iniciativa do Grupo Popular estará centrada na defensa da industria conserveira galega, un sector estratéxico que concentra arredor de dous terzos da produción española e que ten un enorme peso económico e laboral nas vilas costeiras, especialmente no emprego feminino.
A través dunha proposición non de lei, os populares instarán á Xunta a continuar impulsando a estratexia conxunta con Anfaco-Cytma e reclamarán ao Goberno de España que defenda en Bruxelas o recoñecemento do atún en conserva como produto sensible, excluíndoo da liberalización arancelaria prevista no Acordo de Libre Comercio entre a Unión Europea e Tailandia.
O portavoz popular advertiu de que Tailandia é o primeiro produtor mundial de atún, cunha capacidade superior ás 550.000 toneladas anuais, polo que eliminar o actual arancel do 24 % suporía unha ameaza directa para a competitividade e o futuro das fábricas galegas.
Pazos contrapuxo o traballo que xa está a desenvolver a Xunta, coa implicación do presidente, da conselleira do Mar e do propio sector en distintos ámbitos europeos e internacionais, fronte á inacción do Executivo central. “O Goberno de España ten que deixar de mirar para outro lado e facer valer o peso do noso país na Unión Europea para defender o emprego, a calidade e a soberanía alimentaria da industria conserveira galega”.
No relativo á futura PAC (2028-2034), Pazos advertiu de que o acordo europeo non garante o financiamento necesario para asegurar a rendibilidade das explotacións, apoiar as rendas do sector e favorecer o relevo xeracional. O PPdeG defenderá, nunha pregunta oral, a esixencia da Xunta dun orzamento suficiente e a protección dos fondos de desenvolvemento rural.
Sobre o portal Casa 47, denunciou o fracaso da oferta de vivenda do Goberno de Sánchez: apenas 99 vivendas na Coruña e Lugo, deixando fóra seis das sete grandes cidades. En Lugo só se ofrecen sete pisos para máis de 2.100 demandantes e moitos carecen de cociña equipada. Fronte a estas «chapuzas do sanchismo», destacou as máis de 4.000 vivendas públicas que ten en marcha a Xunta, con protección permanente e nas cidades con maior demanda.
GALICIA LIDERA CRECEMENTO ECONÓMICO E PRODUTIVIDADE
A última pregunta oral abordará a evolución económica da comunidade, despois de que os últimos datos comparativos sitúen Galicia á cabeza de España na mellora do PIB per cápita e da produtividade.
Pazos destacou que Galicia é a comunidade autónoma que máis avanzou no PIB per cápita a prezos constantes desde 2019, medrando ao dobre do ritmo da media da zona euro. Ademais, entre 2019 e 2024 rexistrou o maior incremento do PIB real por persoa empregada, cun 2,8 %, fronte á caída media do 0,3 % no conxunto de España.
O portavoz popular vinculou estes resultados ao modelo de estabilidade e rigor na xestión da Xunta, que ten o seu reflexo nos Orzamentos de 2027, cunha cifra histórica de 15.158 millóns de euros e sen recorrer a novo endebedamento por cuarto ano consecutivo.
Alberto Pazos sinalou que fronte ao ruído e á inestabilidade que proxecta o Goberno central, o PPdeG pon en valor o modelo de estabilidade, rigor e boas cifras económicas que representa a Xunta de Alfonso Rueda”.
Alberto Pazos concluíu que as cinco iniciativas que os populares levarán ao vindeiro pleno demostran que as súas prioridades son os problemas reais dos galegos: blindar o benestar social, defender os sectores produtivos, garantir o futuro do agro e do mar e consolidar o liderado económico de Galicia.
“Mentres o Goberno de Pedro Sánchez recorta na dependencia, deixa sen financiamento a futura PAC, pon en risco a nosa industria conserveira e fai propaganda baleira coa vivenda, desde o Grupo Popular traemos solucións, xestión e rigor”, resumiu.