O PPdeG pide máis recursos para o Plan estatal de saúde mental

O Grupo Popular reclama ao Goberno central máis profesionais de saúde mental e orzamento suficiente para o Plan estatal aprobado no Consello Interterritorial, ao tempo que destaca as medidas impulsadas pola Xunta como o Plan galego de saúde mental ou a creación de unidades psicoxeriátricas.
Raquel Arias
8 Apr 2025

A portavoz de Asuntos Sociais do Grupo Popular no Parlamento de Galicia, Raquel Arias, reclamou este martes ao Goberno central un maior compromiso coa saúde mental a través do incremento de profesionais de psiquiatría e psicoloxía clínica, así como fondos específicos para a posta en marcha do novo Plan estatal de saúde mental. Arias advertiu que o plan, aprobado recentemente no Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, “nace sen orzamento, como tamén ocorre coa Lei da ELA ou a reforma da Lei de Dependencia”.

Durante o seu discurso no Pleno, Arias puxo en valor o traballo da Xunta nesta materia, destacando a implementación en 2017 do Plan galego de prevención do suicidio —o primeiro autonómico en todo o Estado—, así como o Plan de saúde mental 2022-2024. Subliñou que a creación dunha Subdirección específica de saúde mental na actual lexislatura confirma o compromiso do Goberno galego co benestar emocional da poboación.

Tamén salientou que, desde os gobernos do PPdeG, se dobraron os psicólogos clínicos formados e se multiplicaron por dez as prazas de formación de enfermaría en saúde mental en comparación co período do bipartito PSdeG-BNG.

En relación ás persoas usuarias de residencias con enfermidades mentais, Arias insistiu en que “teñen dereito a unha praza pública residencial en igualdade de condicións e sen estigmas”. Neste sentido, explicou que a carteira de servizos para a dependencia xa contempla atención psicosocial específica, atención directa con especialistas en saúde mental, consultoría e apoio por telemedicina.

A deputada popular sinalou que a Valedora do Pobo recoñece no seu último informe que “as medidas da Xunta son adecuadas e están dirixidas á mellora constante da atención nas residencias”, tanto para usuarios como para traballadores. Por iso, asegurou que o novo modelo de residencias da Xunta xa contempla a creación de unidades psicoxeriátricas especializadas.

⚙ Configurar cookies
0.10468196868896