O programa 'Contigo no Camiño' da Cruz Vermella remata con máis de 6.000 asistencias sanitarias a peregrinos

O director de Turismo de Galicia participou na clausura do dispositivo deste ano que se veu desenvolvendo desde o pasado 13 de xullo
fin-campana-cruz-vermella-camino
23 Sep 2026

A Xunta de Galicia e a Cruz Vermella completaron un ano máis de colaboración a través do programa Contigo no Camiño, un dispositivo especial que este verán —do 13 de xullo ao 25 de setembro— rexistrou un total de 8.570 asistencias a peregrinos. O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, xunto co comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román, e o director de Administración e de Relacións coas Asociacións de Amigos do Camiño da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ildefonso de la Campa Montenegro, puxo en valor o éxito desta iniciativa que cumpre a súa sexta edición reforzando a protección, o apoio sanitario e a información no itinerario xacobeo.

O Goberno galego ten investido máis de 370.000 euros no desenvolvemento deste programa desde o seu nacemento no ano 2021. Desde ese ano, “os equipos de Cruz Vermella percorreron máis de 36.000Km e atenderon máis de 6.000 asistencias sanitarias”, indicou Xosé Merelles.

No que atinxe ao programa deste 2026, o servizo potenciou os seus recursos ao ampliar de catro a sete os equipos de socorristas móbiles en bicicleta eléctrica (catro na provincia da Coruña e tres na de Lugo), ademais de manter o posto permanente de primeiros auxilios en Portomarín e o albergue Casa Forte de Lusío (Samos) como centro loxístico.

Esta mellora operativa fixo posible que os profesionais e voluntarios percorresen 8.910 quilómetros, o que permitiu multiplicar as asistencias e pasar das 2.400 do ano pasado ás máis de 8.000 de arrastre deste verán. Do balance total deste ano, 2.320 foron atencións sanitarias —a maior parte de carácter leve— e 6.250 foron de índole informativa.

"O programa Contigo no Camiño é un exemplo máis do traballo que o Goberno autonómico está a desenvolver en prol de garantir unha experiencia xacobea satisfactoria, que inclúa non só a seguridade viaria senón tamén a atención sanitaria dos peregrinos”. O director quixo tamén trasladar o seu "agradecemento explícito a todos os profesionais e voluntarios que nos axudan no obxectivo común de facer do Camiño de Santiago un espazo hospitalario e protexido".

Segundo recolle o Plan Director dos Camiños de Santiago, a seguridade sitúase como un dos aspectos mellor valorados polos peregrinos. Para manter estes estándares, a Xunta conta con ferramentas estratéxicas como a Comisión de Seguridade Viaria do Camiño, plans especiais de Protección Civil e a folla de ruta do propio plan, dotado con máis de 141 millóns de euros. Ademais, está activa desde o pasado mes de maio a campaña informativa ‘A seguridade marca o Camiño’, unha acción para facilitar aos peregrinos un acceso directo e rápido aos recursos de protección e seguridade dispoñibles en calquera punto da ruta xacobea.

Estas medidas apoian unha afluencia turística que segue a bater marcas. No que vai de ano 2026, un total de 454.669 peregrinos recolleron a Compostela, o que supón un incremento do 7% respecto ao mesmo período do ano anterior. O Camiño Francés mantense como o eixo principal co 43% das peregrinacións (194.114 viaxeiros), mentres avanza a diversificación de rutas como o Portugués da Costa e consolídase a internacionalización, cun 59% de camiñantes procedentes do estranxeiro, liderados por Estados Unidos e Italia.

0.32008290290833