O programa da Universidade Sénior da UDC se clausura este martes en Ortigueira

O martes 5 de maio, ás 19:00 horas, terá lugar no Teatro da Beneficencia o acto de clausura e entrega de diplomas da sexta edición do Programa de Democratización do Coñecemento, impulsado pola Universidade Sénior da Universidade da Coruña e dirixido a persoas maiores de 50 anos de Ortigueira e a súa comarca. Nesta edición, preto de 50 participantes tomaron parte nesta iniciativa formativa.
A Universidade Sénior, o Programa Universitario para Maiores de 50 anos da Universidade da Coruña, desenvolveu unha nova edición desta proposta educativa, financiada pola Xunta de Galicia e realizada en colaboración co Concello de Ortigueira. As sesións tiveron lugar durante os meses de abril e maio no Teatro da Beneficencia. Un total de 51 persoas participaron nesta edición, que rematará o vindeiro 11 de maio.
Neste evento farase entrega dos diplomas ao alumnado, coa presenza da directora da Universidade Sénior, Matilde García Sánchez; da adxunta á dirección, Susana Iglesias Antelo; e da concelleira de Educación, Cultura e Sanidade, Ana Cartelle Fraga.
Con este programa, a Universidade Sénior reafirma o seu compromiso de achegar a formación universitaria á cidadanía maior de Ortigueira e da súa contorna, dando continuidade a unha liña de traballo iniciada no ano 2018, orientada a responder ás súas inquietudes e necesidades formativas en diferentes vilas e comarcas.