O programa de termalismo do Goberno chegou a 25.000 beneficiados, explica Pedro Blanco

O delegado salientou que o Goberno democratiza “o dereito ao lecer e á desconexión” para as persoas maiores, que se beneficiarán este ano de preto de 29.000 prazas termais en 18 balnearios das catro provincias
programa-termalismo-guitiriz-balneario
16 Sep 2026

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, destacou hoxe o impacto do programa de Termalismo do Goberno, que chegou a 25.000 beneficiarios en Galicia con 4,5 M€ investidos. Fíxoo en Guitiriz, no Iberik Balneario, xunto á alcaldesa, Marisol Morandeira, e o director das instalacións, Daniel Val.

Pedro Blanco salientou que o Goberno democratiza con estas viaxes “o dereito ao lecer e á desconexión” para as persoas maiores de 65 anos, “garantíndolles unha vida plena, digna e con dereitos con independencia da idade e a renda”. Para facelo posible, só no Programa de Termalismo, o Goberno oferta preto de 29.000 prazas nun total de 18 balnearios das catro provincias dentro da tempada que comeza nas vindeiras semanas.

Galicia concentra case o 15% da oferta de prazas de todo o programa de Termalismo, con máis do 21% dos balnearios de toda España. Isto representa unha aportación do Imserso superior aos 5 millóns de euros (medio millón máis que o ano pasado), orientada a dotar ás persoas maiores dun servizo turístico de proximidade, que impulsa o seu benestar e aproveita un dos recursos máis senlleiros de Galicia. Agárdase que Galicia reciba un impacto económico total superior aos 17 M€ grazas ás prazas reservadas polo Imserso, superando os 15 M€ do 2025.

En concreto, no Balneario de Guitiriz, o Imserso xerará 654 prazas nesta tempada fronte ás 611 da tempada anterior. Tendo en conta os datos provinciais, Lugo recibirá preto dun millón de euros e aumentará as súas prazas no 2026 ata as 5.057, case 1.500 máis que o ano pasado. O impacto total superará os 3,1 millóns de euros fronte aos 2,3 da tempada 2025.

As viaxes comezarán a partir do 1 de outubro e os maiores de 65 anos xa poden, ata o día 18, reservar os desprazamentos existentes na súa cota por provincia. Para as prazas vacantes, poderá facerse ao longo de todo o ano.

Mediante unha medida implantada o ano pasado, o Ministerio de Dereitos Sociais reservou 7.447 prazas a 50 euros do total de prazas ofertadas nesta nova tempada, consolidando unha medida que transformou o acceso ás viaxes do Imserso e reforzou a súa dimensión social ao permitir acceder a elas ás persoas con pensións máis baixas, rompendo a barreira económica existente ata o momento. Tamén se manterá a opción de que os pensionistas poidan viaxar cos seus animais de compañía.

0.39104509353638