O programa provincial de colonias felinas atende preto de 3.000 gatos en dous anos

A Deputación de Pontevedra destina 350.000 euros anuais ao servizo, que chegou xa a 40 concellos e inclúe captura, identificación, vacinación, desparasitación e esterilización
Luis Lopez
8 Aug 2026

O programa de control de colonias felinas posto en marcha pola Deputación de Pontevedra a mediados de 2024 atendeu preto de 3.000 gatos durante os seus dous primeiros anos de funcionamento. A iniciativa, xestionada a través do Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN), chegou ata o momento a 40 concellos da provincia e conta cun orzamento anual de 350.000 euros.

O balance dáse a coñecer coincidindo este sábado 8 de agosto cun dos tres días mundiais dedicados ao gato, promovido pola International Fund for Animal Welfare (IFAW). Esta data coincide cunha época de elevada fertilidade destes animais no hemisferio norte, xa que a súa actividade reprodutiva está estreitamente relacionada co número de horas de luz solar.

O servizo provincial céntrase nas colonias felinas legalmente establecidas nos municipios adheridos e desenvolve un programa sanitario que abrangue todo o proceso, desde a captura e o traslado dos animais ata a súa posterior devolución ao lugar de orixe.

Desde a súa posta en funcionamento atendéronse arredor de 2.900 gatos. Deles, preto de 2.800 foron esterilizados, máis de 2.700 identificados e desparasitados e máis de 2.500 recibiron as vacinas correspondentes.

A cantidade de animais que pode atender o programa en cada municipio establécese en función da súa poboación. O límite parte dos 25 gatos anuais nos concellos de menos de 5.000 habitantes e pode alcanzar os 250 nos que superan os 40.000 residentes.

O procedemento comeza cando os concellos solicitan a colaboración do CAAN para actuar sobre unha colonia recoñecida legalmente. O persoal do centro coordínase entón cos responsables municipais e realiza unha primeira visita para avaliar a situación, determinar os puntos nos que se efectuarán as capturas e concretar as condicións da intervención.

Posteriormente, os animais son recollidos coa colaboración e supervisión do persoal municipal e trasladados ás instalacións do CAAN, situadas no Busto, na Armenteira, no concello de Meis. Alí son sometidos a unha exploración veterinaria completa e a probas para detectar inmunodeficiencia e leucemia felinas.

Os exemplares reciben tamén tratamentos de desparasitación interna e externa, identificación e marcaxe. No caso dos animais que se atopan sans, realízase a esterilización. Durante estes procedementos son sedados para reducir o estrés e garantir tanto o seu benestar como a seguridade do persoal. Tras recuperarse, os gatos regresan ás colonias das que proceden.

Para reforzar este servizo, a Deputación investiu máis de 7.000 euros en novo equipamento sanitario para o centro, entre o que figuran unha mesa cirúrxica, instrumental especializado e un xerador de osíxeno. A esta cantidade súmanse máis de 10.000 euros destinados á adquisición de 30 gaiolas para a captura dos animais.

O programa felino amplía a actividade que desenvolve o CAAN desde 2013. O centro provincial dispón de preto de 10.000 metros cadrados e presta servizo de acollida e adopción de cans a 52 concellos de menos de 20.000 habitantes. Conta con seis operarios de lacería, con atención durante as 24 horas dos 365 días do ano, e catro veterinarios.

Co control das colonias felinas, a administración provincial busca reforzar a colaboración cos municipios e facilitar o cumprimento das obrigas establecidas pola normativa de benestar animal, ademais de favorecer unha xestión controlada e sanitaria das poboacións de gatos comunitarios.

0.30853295326233