O proxecto Enreguéifate celebra dez anos promovendo a lingua galega e construíndo patrimonio a través da regueifa

O proxecto Enreguéifate cumpre dez anos de traxectoria promovendo a improvisación oral en verso como ferramenta para fomentar o uso da lingua galega, especialmente entre a mocidade. A iniciativa, impulsada polos servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Arzúa, A Baña, Carballo, Narón, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo, presentou esta mañá a programación da súa décima edición, que se desenvolverá baixo o lema «Enreguéifate, construíndo patrimonio».
Na presentación participaron representantes municipais dos concellos impulsores, entre eles a concelleira de Mocidade e Educación de Ames, Beatriz Martínez Domínguez; o concelleiro de Infancia e Xuventude de Arzúa, Daniel Moscosco Sixto; a concelleira de Acción Social, Cultural e Servizos á Cidadanía da Baña, Mónica González Blanco, e a concelleira de Deportes, Relacións Veciñais, Festas, Rural e UMAD de Santiago, Pilar Lueiro García. Tamén estiveron presentes os formadores Manuele Pardo e O Rabelo, o mestre e regueifeiro Manolo Maseda, Séchu Sende e persoal técnico dos servizos de normalización lingüística.
Esta décima edición conmemora unha década de colaboración entre concellos, comunidade educativa e cidadanía, ao tempo que amplía o alcance territorial do proxecto coa incorporación de A Baña e Narón. A iniciativa busca seguir espallando o interese pola lingua galega, a poesía, a oralidade e o enxeño, aproveitando o carácter integrador e inclusivo da regueifa.
O programa comezou o pasado 23 de outubro cun obradoiro de formación para o profesorado celebrado no Pazo da Cultura de Pontevedra. Docentes chegados de diferentes puntos de Galicia participaron nesta actividade, impartida por Manolo Maseda, Séchu Sende, Lupe Blanco e Josinho da Teixeira, na que puideron coñecer as posibilidades da regueifa como ferramenta didáctica para traballar a expresión, a empatía e a cooperación nas aulas.
A formación tamén abordou valores como a diversidade, a integración e o feminismo, co obxectivo de trasladalos ao alumnado a través da improvisación oral. Desde a organización destacan que a implicación dos centros educativos está a ser fundamental para consolidar o proxecto, como demostran a participación continuada dos escolares, o crecemento do certame e a aparición de clubs de regueifa estudantís en distintos puntos do territorio.
Máis de 80 obradoiros para escolares
Un dos principais eixes desta edición será o desenvolvemento de máis de 80 obradoiros de improvisación oral, dirixidos ao alumnado de quinto e sexto de Primaria e de Educación Secundaria Obrigatoria dos oito concellos participantes. As actividades comezan este 17 de novembro en Santiago de Compostela e prolongaranse ata marzo de 2027.
As sesións estarán impartidas por profesionais da regueifa que transmitirán ás novas xeracións os coñecementos e a tradición deste patrimonio cultural vivo. Nesta edición participará un equipo de ata dez formadores: Lupe Blanco, Josinho da Teixeira, Nuria das Cruces, Manuele Pardo, O Rabelo, Icía Díaz, Hadrián García, Tiziana Martínez, Cristian de Burela e Sergio Alonso.
No caso de Santiago de Compostela, están programados dezasete obradoiros en nove centros educativos: o Colexio Plurilingüe Vilas Alborada, o CEIP López Ferreiro, o IES Antonio Fraguas, o IES Lamas de Abade, o IES de Sar, o CIFP Compostela, o IES Eduardo Pondal, o CEIP Apóstolo Santiago e o IES Rosalía de Castro.
O certame de regueifas volverá reunir participantes de todas as idades
A programación completarase cunha nova edición do certame de regueifas en vídeo, aberto a toda a cidadanía. O prazo de inscrición permanecerá aberto entre o 1 de marzo e o 6 de abril de 2027. Para participar será necesario presentar un vídeo no que interveñan, como mínimo, dúas persoas regueifando en galego sobre un tema libre. As gravacións non poderán superar os tres minutos de duración.
As inscricións realizaranse a través da páxina web do Enreguéifate, onde tamén se poderán consultar as bases completas do concurso. O certame distinguirá as propostas máis destacadas en oito modalidades: regueifa máis brava, máis aguda, máis diversa, máis reivindicativa, mellor cantada, mellor falada, máis inclusiva e máis entroideira.
Cada unha destas categorías contará con premios nas modalidades escolar e xeral, co propósito de recoñecer a creatividade, a calidade e o enxeño das persoas participantes.
A entrega dos galardóns terá lugar o martes 27 de abril de 2027, ás 11.30 horas, no Pazo da Cultura de Carballo. A gala pretende converterse nun espazo de encontro arredor da palabra, a música, o humor e a creatividade, ademais de servir para celebrar a cultura galega e o traballo das persoas e colectivos que contribúen a mantela viva.
Nesta décima edición, o Enreguéifate quere poñer especialmente en valor a regueifa como unha das manifestacións máis destacadas do patrimonio cultural inmaterial galego, na que conflúen lingua, música, identidade e cultura popular. Ademais, o proxecto iniciará o camiño para recadar apoios á candidatura da improvisación oral en verso como Ben de Interese Cultural (BIC), co obxectivo de avanzar no recoñecemento e protección desta tradición.