O PSdeG acusa o PP de abrir o curso político sen propostas para Galicia e centrado nos ataques á esquerda

A secretaria de Organización do PSdeG acusa a Feijóo de "facer campaña coa dor de Ceuta" e de "sementar dúbidas sobre as Forzas Armadas para pescar no caladoiro da ultradereita"
Lara-Méndez-PSOE
29 Aug 2026

A secretaria de Organización do PSdeG-PSOE, Lara Méndez, cualificou o acto co que o PP abriu este sábado o curso político en Cerdedo-Cotobade como "un mitin de precampaña no que sobraron insultos e faltou Galicia". Segundo a socialista, no encontro non houbo propostas sobre sanidade ou vivenda, nin se abordaron as principais preocupacións da cidadanía galega.

Méndez asegurou que "Feijóo veu facer campaña coa dor de Ceuta e Rueda púxolle o escenario", en referencia ao uso político da situación vivida na cidade autónoma. A dirixente socialista criticou o que considera unha utilización partidista da crise e advertiu de que "un político de Estado non converte unha crise nun mitin nin anuncia querelas desde un palco".

Neste sentido, acusou o líder do PP de "sementar dúbidas sobre as Forzas Armadas e sobre as propias institucións que di defender". Para Méndez, "ese é o camiño da ultradereita, e hoxe percorreuno enteiro". A socialista engadiu que a solidariedade con Ceuta "demóstrase apoiando a quen está sobre o terreo, non alimentando o medo para rabuñar uns votos".

A secretaria de Organización do PSdeG tamén cuestionou as declaracións de Feijóo nas que afirmou que "todos son malos" e que non existe "una esquerda decente". Ao seu xuízo, estas palabras non son propias dun político que aspira a gobernar: "Un candidato que divide os españois entre decentes e indecentes non está retratando os seus adversarios, está retratándose el. É un reflexo do que fan en Galicia, gobernar para os seus, contra os demais".

Méndez dirixiu tamén as súas críticas contra o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, polas súas referencias ás persoas que se atopan de baixa médica. A socialista reprochoulle que ameace os traballadores en lugar de explicar "por que a atención primaria está colapsada". "Sinalar a quen está enfermo para tapar a propia xestión sanitaria é indecente. Se hai máis baixas das que debera, que mire para o sistema que as xestiona. Que é o seu", afirmou.

A dirixente socialista destacou ademais o que definiu como "a autocrítica involuntaria" realizada por Rueda durante o acto, ao recoñecer problemas nos ámbitos da dependencia e da educación e anunciar un plan de atención primaria. "Moi ben. Pero quen leva 17 anos gobernando este país? Escoitándoo, calquera diría que Galicia a goberna Madrid", sinalou.

Sobre as acusacións de servilismo ao PSdeG, Méndez respondeu que "servilismo é converter a Xunta nunha sucursal de Génova e gastar o inicio de curso en facerlle o xogo a Feijóo". Fronte a isto, defendeu que os socialistas "defendemos os intereses de Galicia, goberne quen goberne".

Neste sentido, asegurou que o PSdeG continúa sen entender "por que Rueda négase a negociar máis de 550 millóns de euros para Galicia ou que rexeite a condonación da débeda".

Por último, Méndez asegurou que os socialistas centraranse neste novo curso político nas cuestións que consideran prioritarias para a cidadanía: "Seguiremos falando do que importa: da sanidade, da vivenda, do emprego, dos servizos públicos". Segundo concluíu, "diso, hoxe, en Cerdedo-Cotobade non se dixo unha soa palabra".

0.25917911529541