O PSdeG afirma que quedaron sen executar 220 millóns para promoción do emprego en 2025

A deputada do PSdeG Lara Méndez cuestionou este luns que o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, estea lexitimado para defender os orzamentos de 2027 sen explicar a sanción pola presenza de traballadores estranxeiros sen autorización na vendima de 2025 nas viñas vinculadas á adega da súa familia, Casal de Armán. "Vostede non podía responder a este asunto simplemente como un familiar da empresa. Ten que responder como conselleiro", afirmou na Comisión de Economía, Facenda e Orzamentos. González evitou referirse ao caso en toda a comparecencia.
Méndez denunciou que en 2025 o programa de promoción do emprego deixou sen executar 220,23 millóns dos 562,71 dispoñibles e que os programas de formación sumaron máis de 120 millóns sen gastar. "Unha cousa é poñer unha cantidade no orzamento e outra executala", advertiu. Para 2027, a partida de promoción do emprego e do emprego autónomo baixa un 2,23 % e a de emigración, un 5,73 %.
A deputada reclamou medidas para unha taxa de actividade do 53,02 %, máis de seis puntos por baixo da española, para o paro de longa duración e o xuvenil e para a fenda salarial das mulleres, e preguntou cantas vacantes do ISSGA se cubrirán despois dun ano con 55 accidentes laborais mortais en Galicia. Tamén pediu resultados aos servizos públicos de emprego: "Non abonda con presentarnos unha aplicación. Hai que demostrar que funciona".
Por último, Méndez preguntoulle a González se comparte as palabras de Feijóo, que cualificou o absentismo de "cáncer", e a súa tese de que ter pasaporte non é o mesmo que ter dereito a voto. "Os traballadores non teñen que pedir perdón por enfermar nin demostrar a súa inocencia por estar de baixa", sostivo.