O PSdeG alerta ao PP que non se pode pechar en un mes un plan da ligua que leva sen facer 17 anos

"Non se pode pretender pechar en agosto un plan da lingua que o Partido Popular non foi capaz de sacar adiante en 17 anos de goberno". Ese foi o aviso que trasladou a portavoz de Cultura do Grupo Parlamentario Socialista, Silvia Longueira, na nova reunión que mantivo esta mañá cos populares para seguir traballando sobre a proposta de actualización do Plan xeral de normalización da lingua galega.
Fronte á présa que amosan agora, o PSdeG opón métodoe escoita activa. Deste xeito, Longueira comunicoulle ao PP que dedicará agosto a xuntarse coas entidades e os sectores que teñen algo que dicir sobre o futuro do galego, co obxectivo de elaborar un documento con bases sólidas que os socialistas presentarán en setembro. “Non imos pechar á carreira o que non se fixo en case dúas décadas”, sinalou.
Na axenda figuran encontros coa Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega, Nova Escola Galega e as asociacións de nais e pais. A ronda ampliarase ademais ao sector audiovisual, ao editorial e a profesionais de ámbitos como a ciencia ou a avogacía, para recoller como vive cada un deles a situación do idioma e que botan en falta no documento da Xunta.
A esas citas hai que sumar as reunións coas responsables de Cultura das executivas provinciais do PSdeG, para que a posición do partido se constrúa tamén desde o territorio. A idea, insiste Longueira, é chegar a setembro cun texto traballado e contrastado, non cunha resposta improvisada.
Os socialistas manteñen así o seu enfoque sobre unha actualización que consideran clave para frear a emerxencia lingüística que atravesa Galicia. Para o PSdeG, un plan pensado para protexer unha lingua minorizada esixe tempo, escoita e rigor, xusto o contrario de tramitalo a présa no mes de agosto.