O PSdeG critica a falta de investimento da Xunta no programa de acceso á vivenda

“A súa única capacidade de execución é a capacidade de execución da propaganda. Inauguran varias veces a mesma porta e a mesma Fiestra, pero é unha soa vivenda”, denunciou hoxe o deputado socialista Aitor Bouza durante a comparecencia da conselleira en comisión parlamentaria. A titular de Vivenda e Planificación de Infraestruturas acudiu esta mañá á Cámara para dar conta dos Orzamentos do seu departamento para 2027, mais deixou sen aclarar ningunha das cuestións que lle formulou Bouza.
“A onde foron parar os 73 millóns de euros que detraeron este ano do programa de acceso á vivenda?”, preguntou o parlamentario do PSdeG para, a continuación, criticar que “de nada serve anunciar millóns de euros se despois non se invisten”. E recriminoulle que, por enriba, aínda con esa redución, na primeira metade deste ano só se consumiu un 7 % do presupostado.
“Inauguran ata os cadros de licitación en plena campaña electoral, incumprindo a normativa”, insistiu Bouza sobre o que cualificou de “nada máis que marketing” e sinalou coma un dos motivos que levan á “estabilidade orzamentaria” da que presume sempre o PP: “Estabilidade é que sempre deixan os cartos nun caixón”.
O deputado socialista criticou tamén a política de rehabilitación do Goberno galego, que nas contas para o vindeiro ano se reduce un 18 % sobre os deste 2026, “que tampouco executan, porque a metade de ano levaban un 16,5 %”. “Di que vai ser unha prioridade mentres detrae 12 millóns de euros”, censurou.
Aitor Bouza ironizou con que a Xunta “leva moito tempo apostando pola rehabilitación” a través do plan Rexurbe. “Cantas vivendas se rehabilitaron e entregaron nos cascos históricos? No 2026, nada; no 2025, nada; no 2024, nada. Que van facer este ano?”, preguntou.
Por outra banda, salientou a necesidade de mobilizar vivenda baleira, porque todas as que está a anunciar a Xunta “non se constrúen dun día para outro”. Por iso, lamentou que o PP presuma de que o programa Fogar Vivo só conseguise poñer no mercado 400 vivendas “cando hai máis de 500.000 baleiras”. Bouza dixo que sacar peito por esas cifras “é rir da xente”
Criticou, nese senso, que o PP propoña en Santiago a creación dun banco de alugueiro co fin de sacar ao mercado esas vivendas mentres no Parlamento galego vota en contra da proposta que o PSdeG xa tiña formulado antes para a creación de ese organismo a nivel autonómico.
Finalmente, reclamou que os 10 millóns de euros para as zonas tensionadas da Coruña e Santiago, “que conseguiron os concellos”, revertan precisamente nesas cidades. “Queren apropiarse de fondos que non son seus”, afeoulle ao Goberno galego, para reclamarlle que transfira eses fondos ás administracións locais que lles corresponden.
En canto ás infraestruturas, puxo como exemplo da ineficiacia dos Presupostos dos gobernos de Feijoo e Rueda a vía de alta capacidade Costa Norte, que “non ten proxecto nin un só euro executado e todos os anos está incluída nos Orzamentos desde 2009”.
E reclamou tamén medidas para paliar o custe das peaxes nas autoestradas autonómicas. “Van bonificalas cando menos un 75 % igual que na AP-9?”, preguntou para sinalar o contraste entre o que fai a Xunta e o que fai o Goberno central.