O PSdeG critica a política da Xunta contra os incendios e pide cambios estruturais no dispositivo

Os socialistas acusan ao Goberno galego de falta de planificación estable e poñen o foco na prevención
Carmen R. Dacosta
14 Jun 2026

O PSdeG acusa á Xunta de chegar un ano máis ao verán con “o mesmo modelo que xa fallou” na loita contra os incendios forestais. A deputada socialista Carmen Rodríguez Dacosta defenderá o vindeiro martes no Pleno do Parlamento unha interpelación á conselleira do Medio Rural na que cuestionará a ausencia dunha reforma estrutural do dispositivo.

A parlamentaria socialista centrarase na falta de planificación estable ao longo do ano e na utilización recorrente de reforzos temporais, unha fórmula que, ao seu xuízo, non responde á nova realidade dos incendios forestais, cada vez máis intensos e rápidos.

Rodríguez Dacosta advertirá de que Galicia afronta de novo o período de máximo risco sen cambios de fondo no sistema de prevención e extinción. Neste sentido, critica que a política autonómica continúe baseada en contratacións de curta duración e medidas que chegan, segundo afirma, tarde ao período crítico.

A deputada socialista sostén que a prevención debería apoiarse en persoal estable, medios suficientes e unha planificación continuada durante todo o ano, en lugar de concentrarse nos meses previos ao verán.

O PSdeG lembra tamén que tras os grandes incendios de anos anteriores o Parlamento aprobou recomendacións orientadas á profesionalización do dispositivo, á estabilidade laboral e á mellor distribución dos recursos, medidas que, aseguran, non se terían aplicado de forma efectiva.

Para os socialistas, o debate transcende o ámbito organizativo e afecta directamente á seguridade pública, á protección das persoas, das vivendas e do territorio. Por iso, esixen explicacións á Xunta sobre os cambios reais introducidos ata o momento e sobre o modelo que se pretende aplicar nas próximas campañas.

0.34847784042358