O PSdeG critica ao PP por ser "incapaz de ver as realidades do sistema público de saúde"

O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, adiantou hoxe que o goberno galego dará conta da crise sanitaria do verán ou por iniciativa propia “ou forzados polo PSdeG”. De non presentar a petición de comparecencia do presidente ou do conselleiro de Sanidade no primeiro Pleno do novo curso, os socialistas galegos activarán a súa propia interpelación para que “asuman os erros de ineficiencia que tiveron ata o de agora”.
Torrado criticou que o PP continúe instalado en que “a situación é absolutamente normal” logo do relatorio de crises provocadas pola falla de recursos sanitarios nos Centros de Saúde e o colapso das urxencias sanitarias nos hospitais. Citou os casos concretos dos hospitais da Coruña e Vigo, as manifestacións en Pobra de Brollón ou Verín pola perda da calidade asistencial ou as protestas en Vilagarcía ou Ortegal pola supresión das ambulancias medicalizadas.
Tamén sinalou os casos de PACs desbordados en Cambados ou Viveiro, todos eles provocados por unha crecente demanda asistencial á que o goberno galego responde cunha “decrecente política de recursos humanos”. Como dato apuntou que este verán os hospitais galegos atenderon aproximadamente 50 pacientes máis por día de media con respecto ao ano pasado”.
Criticou que o goberno xestionado polo PP se manteña “instalado en que a súa ineficiencia é normal”, co que están a recoñecer por unha banda a súa “falta de capacidade” e pola outra, ironizou, en que “claramente estiveron lendo o Ensaio sobre a cegueira”, en alusión á coñecida novela do escritor portugués José Saramago.
Advertiu que “non pode quedar todo en notas de prensa dicindo que todo está controlado”, asumindo que “o sistema sanitario público en verán é absolutamente caótico, logo de que no inverno estea collido con fíos”. Por iso, de non rexistrar a comparecencia do presidente ou do conselleiro, os socialista galegos presentarán a Interpelación para que o responsable de Sanidade dea conta da súa falla de xestión diante do Pleno do Parlamento.
En resposta a preguntas dos xornalistas, Torrado afeoulle neste caso ao conselleiro de Educación que afronte o inicio de curso facendo “algo máis que de contertulio” e “tomar nota” da falla de recursos humanos no ensino público. Emprazoulle a que “sexa capaz de incrementar as plantillas” de profesorado, algo do que “non parece que estean pola labor”, para que non repitan os mesmos problemas ano tras ano.
Esixiulles que “atendan as necesidades dos nenos e nenas” galegos e garanta contratos de calidade para o profesorado galego e a cobertura das prazas tamén dos profesionais de pedagoxía terapéutica e de audición e linguaxe, así como todo o persoal de apoio e de mantemento do sistema educativo público.