O PSdeG cualifica de “imperdoable” que a Xunta retirase 2.600 dos 2.800 autorrescatadores da extinción de incendios

Criticou a “falta de planificación, programación e execución” da oferta formativa da Consellería do Medio Rural e reclamou unha formación “adecuada ás necesidades reais do medio rural galego"
Carmen-Dacosta-psoe
11 Sep 2026

A portavoz de Política Forestal do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, cualificou de “imperdoable” que a Xunta de Galicia tivese que retirar 2.639 dos 2.820 autorrescatadores adquiridos este ano para as brigadas contra incendios. A parlamentaria socialista denunciou as “graves carencias” nos equipamentos dos traballadores durante unha intervención na Comisión de Agricultura do Parlamento galego, despois de que o director xeral de Defensa do Monte confirmase a retirada destes equipos.

Dacosta alertou de que os brigadistas recibiron hai poucos días os autorrescatadores de recambio, polo que, segundo denunciou, tiveron que afrontar toda a temporada de incendios en condicións de grave risco e sen contar co equipamento imprescindible. Ademais, sinalou que continúan sen dispoñer das mochilas adaptadas para transportar todo o material, unha situación que obriga a levar os autorrescatadores no cinto, xa sobrecargado, ata o punto de que “algúns están comprando a súa propia mochila”.

A responsable socialista advertiu de que “non pode trasladarse ao traballador a responsabilidade de buscar pola súa conta como transportar o equipamento que a propia Administración lle esixe levar”. Tamén criticou que parte do material chegase con problemas no selado dos envoltorios, o que obrigou á súa retirada, e censurou a “falta de axilidade na distribución e reposición do material”. “A seguridade non pode quedar esperando por un procedemento administrativo”, afirmou.

Dacosta subliñou que “a seguridade dos que se poñen diante do lume non pode chegar tarde nin defectuosa” e advertiu de que “poden anunciar helicópteros, avións e drons, pero non substitúen unhas botas, roupa ignífuga ou un autorrescatador que funcione cando un brigadista queda atrapado polo lume”.

A portavoz socialista censurou que o Goberno galego repita un ano máis os problemas cos autorrescatadores e criticou a entrega de “equipos con problemas, devolucións, substitucións e traballadores que denuncian carencias na entrega e a reposición dos seus equipos de protección individual (EPI)”.

Dacosta tamén reclamou ao Goberno galego que atenda as demandas para mellorar as condicións dos vixilantes e emisoristas do Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais (SPIF). Segundo explicou, estes profesionais desenvolven multitude de funcións que van “moito máis alá de recibir e transmitir comunicacións”, xa que reciben, tratan, rexistran e actualizan información operativa en tempo real e xestionan a comunicación entre os distintos niveis do sistema.

A socialista destacou que estes traballadores se enfrontan a situacións de “enorme presión”, nas que a información debe ser inmediata e precisa, xa que un erro ou un atraso pode afectar directamente á seguridade do operativo.

Críticas á oferta formativa de Medio Rural

Por outra banda, Carmen Rodríguez Dacosta criticou a “falta de planificación, programación e execución” da oferta formativa da Consellería do Medio Rural e reclamou unha formación “adecuada ás necesidades reais do medio rural galego”. As declaracións producíronse durante a comparecencia do director xeral da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) no Parlamento para informar sobre a oferta de formación agraria para o vindeiro ano.

A responsable socialista cuestionou que a Consellería priorice “cursos de arte floral” fronte a unha oferta formativa orientada ás necesidades do sector. Ao seu xuízo, a programación debería partir dunha avaliación previa por parte do Goberno galego, que actualmente “carece dunha análise clara do retorno, da demanda e da prioridade de cada acción formativa”.

Dacosta sinalou que desde Agacal deberían “programar, coordinar e facer o seguimento dos cursos de formación agraria”, xa que sen unha avaliación clara dos resultados “resulta difícil valorar cal é realmente a dimensión da oferta formativa e a súa evolución con respecto aos anos anteriores”. Neste sentido, considerou que “limitarse a anunciar accións formativas, horas, prazas e orzamento sen coñecer o que aconteceu coa programación anterior non é nin o máis adecuado nin o máis produtivo”.

A parlamentaria instou a Consellería a aproveitar as instalacións, os recursos humanos e a capacidade dos centros dos que dispón para responder ás necesidades do sector agrario, cunha programación “realmente orientada ás necesidades estratéxicas do sector”. Tamén reclamou un esforzo adicional para incorporar novos profesionais ao medio rural, favorecer o relevo xeracional e crear man de obra cualificada, así como para avanzar na modernización das explotacións.

En definitiva, Dacosta defendeu unha oferta formativa adaptada ás prioridades do medio rural e orientada a impulsar cursos directamente relacionados coa actividade agraria e coa xeración de actividade económica no territorio.

0.53553509712219