O PSdeG denuncia a dificultade de conseguir cita médica no Sergas

Torrado reprocha ao Goberno galego que presente novos plans sen avaliar os anteriores e pídelle ao conselleiro que “anuncie menos e cumpra máis”
Julio Torrado
20 Oct 2026

O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, Julio Torrado, abriu a súa réplica ao conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, cunha comparación que resume o que vive hoxe calquera paciente que tenta ver o seu médico: "Hoxe en día en Galicia, para ter unha cita, os galegos e as galegas téñeno máis fácil no Tinder que no Sergas". O conselleiro comparecía este martes na Cámara para presentar o Plan de reforma da atención primaria e comunitaria 2026-2030, e Torrado recordoulle que, fale do que fale, "hoxe na atención primaria galega hai unha espera que non houbo nunca", e lamentou que na súa intervención -a do conselleiro- non apareceu ningunha idea capaz de resolvela.

Torrado desmontou despois as cifras do plan. Os 320 millóns de euros comprometidos en catro anos quedan moi curtos se se poñen ao lado do que a atención primaria ten só no orzamento deste ano, uns 1.750 millóns. Coas contas deste exercicio, en catro anos a primaria moverá arredor de 7.000 millóns, e a reforma que ía darlle a volta ao modelo non chega nin ao 5% desa cantidade. "Case sen facer nada, igual acabamos investindo máis", resumiu.

O que máis lle chamou a atención foi o capítulo de persoal. A Xunta anuncia 644 novas prazas ata 2030, 165 delas de medicina, e Torrado comparou esa cifra co número de especialistas que sairán das unidades docentes galegas no mesmo período, máis de 1.200 profesionais formados para a atención primaria. "Vostedes xa nin sequera se propoñen contratar os que imos formar", reprochoulle, antes de cualificar o plan como "a asunción máis clara de incompetencia" que se viu neste Parlamento en moito tempo.

O plan de Caamaño tampouco resiste a calculadora, dixo, e puxo como exemplo a medida máis visible da reforma, o límite de 30 pacientes ao día nas consultas de medicina de familia. Torrado preguntoulle a Gómez Caamaño cantos pacientes ve hoxe de media un médico de primaria en Galicia, un dato que o Goberno non achegou, e fixo a conta cunha estimación á baixa de 37.

0.34003806114197