O PSdeG denuncia a Rueda ante a Xunta Electoral por un balance da xestión realizado en Navia coas eleccións xa convocadas

Piden retirar da web da Xunta a comunicación do 14 de outubro, publicada oito días despois da convocatoria das serais do 29 de novembro
papeleta-voto-votar-elecciones-recurso
16 Oct 2026

O PSdeG formulou onte unha denuncia ante a Xunta Electoral Provincial de Pontevedra contra o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, pola visita que realizou o pasado 14 de outubro ás obras de dúas promocións de vivenda pública en San Paio de Navia, en Vigo, e pola comunicación que o Goberno galego difundiu ese mesmo día na súa páxina web. Os socialistas consideran que, oito días despois de publicarse no BOE a convocatoria das eleccións xerais, a Xunta utilizou un acto institucional e unha canle oficial para facer balance da súa xestión en materia de vivenda, algo que a lei electoral prohibe expresamente mentres dura o período electoral.

O escrito, asinado o 15 de outubro pola representante socialista na circunscrición de Pontevedra fundaméntase no artigo 50.2 da Lei orgánica do réxime electoral xeral (LOREG). Este precepto prohibe, desde a convocatoria e ata a celebración das eleccións, calquera acto organizado ou financiado, directa ou indirectamente, polos poderes públicos que conteña alusións ás realizacións ou aos logros obtidos. A denuncia sostén que o contido publicado pola Xunta vai máis alá de informar do estado dunhas obras e constitúe unha valoración favorable da xestión autonómica difundida a través dun soporte institucional.

Para os socialistas, a suma dunha visita presidencial e da súa difusión na web oficial supón presentar como méritos da Administración autonómica realizacións, compromisos cumpridos e proxectos cando o proceso electoral xa está en marcha. O escrito lembra que a difusión de mensaxes electoralistas en páxinas oficiais está comprendida no deber de neutralidade institucional que os poderes públicos teñen que respectar desde a convocatoria.

Na denuncia, solicitan á Xunta Electoral que comprobe e deixe constancia do contido íntegro da publicación e da súa data, e que lle requira ao Goberno galego información sobre a organización da visita e os medios públicos empregados, así como a identidade das persoas que elaboraron e autorizaron a comunicación.

Piden tamén que se declare a vulneración do artigo 50.2 da LOREG e, se é o caso, do 50.3, que prohibe os actos de inauguración de obras ou servizos públicos durante o período electoral, e que se ordene o cese da difusión do contido mentres dure ese período. Iso incluiría a súa retirada ou desactivación temporal na web da Xunta e nas reproducións institucionais que se detecten, conservando unha copia para o expediente.

Os socialistas reclaman igualmente que se requira aos responsables que se absteñan de repetir actuacións institucionais desta natureza e que o órgano competente valore a apertura dun procedemento sancionador ao abeiro do artigo 153.1 da LOREG, unha vez identificadas as persoas responsables e sen anticipar a súa culpabilidade nin a posible sanción.

A denuncia contempla tamén a posibilidade de que a Xunta Electoral Provincial de Pontevedra remita o caso con urxencia á Xunta Electoral Central, se considera que esta é a competente pola condición da autoridade denunciada e polo alcance da difusión.

0.57308197021484