O PSdeG denuncia a xestión da Xunta dos fondos do canon da auga e do Bono Concilia

O Grupo Socialista no Parlamento galego criticou este martes a xestión da Xunta tanto dos fondos procedentes do canon da auga como do Bono Concilia, e reclamou maior transparencia no reparto dos recursos públicos e cambios nos criterios das axudas ás familias.
A portavoz de Política Local do PSdeG, Lara Méndez, denunciou a falta de información sobre a recadación e distribución do canon da auga e acusou ao Goberno galego de actuar con «discrecionalidade, parcialidade e clientelismo». Méndez presentou unha proposición non de lei para reclamar que a Xunta faga públicos os fondos recadados e o seu reparto entre os concellos galegos.
Como exemplo, sinalou os convenios asinados por Augas de Galicia nos últimos catro meses. Segundo os datos achegados polo Grupo Socialista, dos 15 convenios asinados nese período, 13 beneficiaron a concellos gobernados polo PP, mentres que os restantes corresponderon a Carballeda de Avia, Cee e Corcubión, con contías inferiores ou complementadas con fondos da Deputación da Coruña.
Méndez lembrou que estes investimentos se financian con fondos procedentes do canon da auga, que os concellos recadan entre a veciñanza a través dunha taxa fixada pola Xunta. A socialista reclamou que os criterios de reparto sexan «xustos, equitativos e redistributivos» e criticou a falta de transparencia sobre o destino dos recursos.
Pola súa banda, a portavoz de Política Social, Silvia Longueira, censurou a xestión do Bono Concilia Familia, que cualificou de «escaso e malo», pola exclusión das familias que utilizaron campamentos de verán e outros recursos de conciliación organizados polas administracións públicas.
O Grupo Socialista reclamou modificar a regulación da axuda para incluír como gastos subvencionables a asistencia a campamentos, escolas de verán e outros servizos públicos de conciliación. Tamén propuxo eliminar esta exclusión nas próximas convocatorias e establecer o acceso ás axudas en función das necesidades de conciliación das familias e non da titularidade do recurso utilizado.
Longueira criticou que a Xunta modificase os criterios unha vez iniciada a utilización destes servizos polas familias e defendeu que «as regras deben de coñecerse antes e ser claras». Ademais, reclamou unha convocatoria extraordinaria para evitar que as familias afectadas polo cambio de criterio resulten prexudicadas.
As dúas iniciativas do Grupo Socialista foron formuladas no Pleno do Parlamento galego deste martes. A proposta sobre o Bono Concilia foi rexeitada polo PP, mentres que a proposición relativa ao canon da auga estaba prevista para a súa votación este mércores.