O PSdeG denuncia atrasos na planificación contra os incendios mentres a Xunta destaca o descenso dos lumes en 2026

A planificación da loita contra os incendios forestais en Galicia centrou este martes o debate no Parlamento, onde a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, compareceu para facer balance da campaña de 2026 e a portavoz de Política Forestal do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, cuestionou a xestión do Goberno galego e denunciou deficiencias na prevención e nos medios de seguridade dos profesionais.
Dacosta afeoulle á conselleira que comparecese para dar conta dos incendios do pasado verán cando, segundo sostivo, debería presentar o Plan de Prevención e Extinción de Incendios (Pladiga) de 2027, que, de acordo cos prazos legais que citou, debería estar aprobado e publicado este 3 de novembro. A deputada socialista criticou que a planificación da campaña chegue tarde e defendeu que a prevención debe desenvolverse durante todo o ano, non limitarse á aprobación dun documento cando se achega o verán.
A representante socialista tamén censurou que Gómez comparecese sen entregar ao Parlamento e ao Consello Forestal un informe sobre o cumprimento do Pladiga. Reclama un balance verificable que detalle os traballos de prevención previstos e os realmente executados en cada distrito, así como as actuacións de recuperación dos territorios afectados polos incendios. Ademais, advertiu de que a Xunta só actuou en 70 das 276 parroquias priorizadas para a xestión da biomasa nas faixas secundarias e criticou a falta de desenvolvemento dos Plans de Ordenación dos Recursos Forestais (PORF) e de actualización dos plans de prevención dos distritos (Pladid).
Outro dos aspectos nos que incidiu Dacosta foi nas condicións laborais dos brigadistas. Considerou inadmisible que profesionais que realizan xornadas de ata 12 horas reciban apenas un bocadillo para alimentarse e reclamou que poidan dispoñer de comida e bebida adecuadas durante o servizo. Tamén denunciou carencias nos equipos de seguridade e lembrou que, segundo recoñeceu en setembro o director xeral de Defensa do Monte, a Xunta tivo que devolver 2.639 dos 2.820 autorrescatadores adquiridos por problemas nas súas bolsas de protección.
A deputada socialista cuestionou igualmente a información ofrecida polo Goberno galego sobre os incendios e afirmou que en 2025 só comunicou 200 dos 1.500 lumes rexistrados. Segundo indicou, durante agosto informou de 45 dos 492 incendios que tiveron lugar en Galicia. Para Dacosta, as deficiencias non son responsabilidade dos profesionais, senón das decisións políticas sobre os medios dispoñibles, as condicións de traballo e a prevención.
Pola súa banda, María José Gómez salientou a evolución dos datos da campaña deste ano e destacou a redución tanto do número de incendios como da superficie afectada. Segundo as cifras provisionais da Consellería ata o 31 de outubro, Galicia rexistrou 1.227 incendios forestais, que afectaron 5.318,9 hectáreas, das cales 3.109,1 eran arboradas e 2.229,8 desarboradas. A superficie queimada reduciuse un 95,6 % respecto ao mesmo período de 2025, cando se contabilizaran 1.470 lumes e 118.739,9 hectáreas afectadas.
A conselleira puxo tamén estes resultados en relación coas medias históricas: a superficie afectada este ano foi un 85,5 % inferior á media do período 2021-2025 e un 81,7 % menor que a dos últimos dez anos. Gómez lembrou que a campaña estivo marcada por condicións meteorolóxicas especialmente adversas, cun verán que foi o máis cálido en Galicia desde 1961 e cunha precipitación media acumulada un 22 % inferior á habitual. Con todo, advertiu de que os datos non deben conducir á autocompracencia nin a baixar a garda.
A titular de Medio Rural destacou que 933 dos sinistros rexistrados quedaron en conatos, é dicir, non chegaron a afectar unha hectárea. Tamén salientou que os grandes incendios, aqueles que superan as 500 hectáreas, pasaron de 19 no mesmo período de 2025 a dous en 2026: o de Ponteareas, a comezos de abril, que afectou máis de 886 hectáreas, e o de Calvos de Randín, iniciado o 24 de setembro, que chegou a preto de 520 hectáreas.
Outro dos indicadores destacados pola Xunta foi o descenso dos incendios nos que se declarou a Situación Operativa 2, que pasaron de 105 no mesmo período do ano pasado a sete ata o 31 de outubro, un 93,3 % menos. A conselleira sinalou tamén que o tempo medio de reacción desde a detección do lume ata a chegada dos primeiros medios de extinción se situou arredor dos 20 minutos.
En canto aos recursos humanos, Gómez cifrou en preto de 3.000 os profesionais que integran o servizo galego de loita contra incendios. Dous terzos traballan durante todo o ano e o resto durante nove meses. Para a tempada de alto risco incorporáronse 42 brigadas, con 168 efectivos, e a Unidade de Directores de Extinción pasou de seis a quince membros. A conselleira lembrou tamén os acordos asinados este ano coa representación sindical para mellorar as condicións dos axentes forestais, facultativos ambientais e bombeiros forestais fixos-descontinuos, cun investimento de seis millóns de euros.
A Xunta destacou igualmente o reforzo dos medios materiais e tecnolóxicos, coa ampliación da rede de vixilancia ata as 241 cámaras en 111 localizacións, un 30 % máis, e a incorporación de tres drons. No ámbito terrestre entregáronse seis máquinas hidrostáticas polivalentes e tres vehículos motobomba, cun investimento de 3,1 millóns de euros, mentres que os medios aéreos pasaron de 20 a 24 aeronaves.
En materia de prevención, Gómez puxo en valor o convenio para a xestión da biomasa nas faixas secundarias, que duplicou este ano o seu orzamento ata os 25 millóns de euros e ampliou a 276 as parroquias priorizadas. Segundo a conselleira, 301 concellos solicitaron adherirse ao programa e 278 xa teñen aprobado o seu plan municipal de prevención. A estas actuacións engadiu os tratamentos preventivos en máis de 17.000 hectáreas e os investimentos en prevención de danos nos bosques, xestión pública, tratamentos silvícolas e reforestación.
A conselleira tamén se referiu á investigación das causas dos incendios. Segundo os datos da Unidade de Investigación de Incendios Forestais ata o 16 de outubro, 819 dos lumes rexistrados estaban a ser investigados. Ademais, indicou que o informe identificaba 30 casos vinculados á rede eléctrica e 16 á ferroviaria entre as tipoloxías de neglixencias e accidentes.
De cara ao próximo exercicio, a Dirección Xeral de Defensa do Monte contará en 2027 con máis de 226 millóns de euros, un 5,8 % máis que este ano. O orzamento manterá, ademais, os 25 millóns destinados á xestión da biomasa nas faixas de protección dos núcleos de poboación.