O PSdeG denuncia que a Xunta ten sen executar máis de 300 millóns de euros "en plena crise da vivenda"

O deputado Aitor Bouza defendeu no Pleno unha proposición non de lei para que eses cartos cheguen á cidadanía antes de que remate 2026
Aitor Bouza
7 Oct 2026

O portavoz de Vivenda do Grupo Socialista, Aitor Bouza, denunciou hoxe no Pleno do Parlamento que a Xunta pechou o segundo semestre do ano con só o 7% dos fondos do programa de acceso á vivenda executados. O dato sae da execución orzamentaria, que entrou na Cámara a semana pasada, e o deputado levouno ao hemiciclo para defender unha proposición non de lei que esixe ao Goberno galego medidas "de inmediato" para que eses cartos cheguen á cidadanía neste exercicio.

Segundo eses mesmos documentos, a Xunta levou hai un ano ao Parlamento un orzamento con 197 millóns de euros para o programa 451B, que hoxe conta cun crédito vixente de 124 millóns. "Vostedes recortaron 70 millóns de euros en vivenda dende o inicio do ano ata a metade do ano, e vai o 7% executado", reprochoulle Bouza á bancada popular, que recibira con risas o comezo da súa réplica: "Ás familias galegas que precisan dunha vivenda failles menos graza a súa execución orzamentaria", engadiu.

En 2025, a Xunta presentou para este mesmo programa un orzamento de 153 millóns e pechou o exercicio con 33 millóns executados, o 21% do anunciado. "Orzamentan, veñen aquí vender un importe e ao remate do ano eses cartos esfúmanse", resumiu o deputado, que levou á tribuna a serie completa dende 2009. Sumando todos eses exercicios, sempre cos libros da propia Xunta na man, Bouza calcula que nos 17 anos de goberno do PP quedaron sen executar 300 millóns de euros en acceso á vivenda.

O socialista rescatou ademais a resposta que deu Alberto Núñez Feijóo en 2014, cando presidía a Xunta, a unha campaña de Cáritas a prol da vivenda digna, un episodio que Praza Pública vén de recuperar. Galicia era daquela a segunda comunidade con máis persoas sen fogar por cada 100.000 habitantes e a entidade pedía unha política de vivenda que garantise o acceso e combatese a exclusión.

Tras o Consello da Xunta do 27 de novembro, Feijóo respondeu ante a prensa que "Cáritas sabe" que en Galicia "os albergues teñen, todas as noites, prazas que non se utilizan". "Esa foi a lamentable resposta do señor Feijóo e demostra cal é a política de vivenda do Partido Popular en Galicia: a do desprezo absoluto ás familias", dixo Bouza, que ironizou coa promesa do líder popular de levantar un millón de vivendas en España. "Unha mágoa que non se fixesen cando foi presidente, xa que ten unha variña máxica para facelas", comentou.

Bouza abriu a súa intervención cunha foto das manifestacións ás que acudiu o PP en Madrid "en defensa da familia" contra o matrimonio igualitario, unha lei que despois recorreu ante o Tribunal Constitucional. Contrapúxoa á pasada fin de semana, marcada polas mobilizacións en defensa da vivenda en toda Galicia, na que aos populares, segundo dixo, "non se lles viu ao carón de tantas familias galegas que precisan dunha vivenda".

Porque, dixo, “cando teñen que defender de verdade as familias e os seus dereitos, como o dereito á vivenda, vostedes están ausentes", afeoulles. O deputado repasou outros avances contra os que votou o PP, como a eutanasia, a reforma laboral, a lei estatal de vivenda ou a redución da xornada a 37,5 horas.

Na réplica, Bouza criticou que a Xunta lle facilite ao Parlamento a execución orzamentaria só en papel, algo que ao seu xuízo incumpre a propia lei de transparencia do Goberno galego e supón "unha falta de respecto á oposición, que ten que facer o seu traballo". "Imaxinen o que poderiamos descubrir se puidésemos traballar con estes datos noutro formato", apuntou.

As familias galegas, insistiu, precisan "unha política pública de vivenda que realmente execute os seus fondos", non unha que viva de "anuncios de pandeireta". Rematou a súa intervención con unha mensaxe para a bancada popular: "Pensen vostedes do lado de quen están".

0.41091299057007