O PSdeG denuncia un ataque con pintadas ofensivas contra a súa sede do Vicedo

A formación presentou unha denuncia ante as forzas de seguridade e lembra que o pasado 14 de agosto a Casa do Pobo de Foz tamén sufriu un acto vandálico coa rotura dun dos seus cristais
Vicedo-PSOE-Ataque-sede-O-Vicedo
26 Aug 2026

O PSdeG da provincia de Lugo condenou este mércores o ataque sufrido pola súa sede do Vicedo, que apareceu cunha pintada no portal na que podían lerse as palabras "Putas" e "Moros". A formación cualifica o sucedido como "un ataque á liberdade e á propia democracia" e confirma que os feitos xa foron denunciados ante as forzas e corpos de seguridade.

Desde a dirección provincial consideran que as mensaxes buscan "sementar odio, intimidar e sinalar a quen pensa diferente" e advirten de que o episodio non pode ser considerado unicamente como un acto vandálico illado.

"Non estamos ante unha simple pintada. Encontrámonos ante un novo episodio dunha escalada de odio e violencia política que resulta absolutamente intolerable nunha sociedade democrática", sosteñen os socialistas lucenses.

A formación lembra que o sucedido no Vicedo chega despois doutros ataques recentes contra sedes socialistas en Galicia. O pasado 11 de agosto, a Casa do Pobo de Ferrol apareceu con pintadas de carácter racista e xenófobo.

Tres días máis tarde, o 14 de agosto, foi a quenda da sede do PSOE de Foz. A Agrupación Socialista focense denunciou entón un acto vandálico despois de que unha botella lanzada contra a Casa do Pobo provocase a rotura dun dos cristais. Os feitos foron postos en coñecemento das forzas de seguridade e a agrupación facilitou os elementos dos que dispoñía para contribuír á investigación.

O ataque de Foz producírase, ademais, despois de que meses antes a mesma sede aparecese con pintadas de carácter ameazante. A agrupación evitou establecer unha relación entre ambos os episodios ao non dispoñer de elementos que permitisen vinculalos, pero alertou da necesidade de evitar a normalización deste tipo de comportamentos.

Naquel momento, o secretario de Organización do PSdeG-PSOE de Foz, Carlos García, defendeu a lexitimidade da crítica e da discrepancia política, pero reclamou establecer unha fronteira clara fronte aos ataques persoais. "Unha botella non rompe só un cristal. Antes tivo que romperse algo no respecto por quen pensa diferente", sinalou.

Para a dirección provincial, os sucesos do Vicedo, Foz e Ferrol forman parte dunha sucesión de incidentes que debe preocupar máis alá das siglas políticas. "Son ataques reiterados contra sedes dun partido democrático e non podemos normalizalos. A discrepancia política ten que expresarse coa palabra e dentro das regras da democracia", indican.

O PSdeG de Lugo vincula ademais estes episodios cun clima de crecente confrontación política. A formación sostén que "non xorden da nada" e considera que determinados discursos "da dereita e da extrema dereita" levan tempo normalizando o insulto, a descualificación e a demonización do adversario.

A dirección provincial lembra igualmente os ataques rexistrados na súa sede de Lugo en setembro de 2025. Segundo os socialistas, o local foi obxecto de dous episodios en apenas once días con pintadas ofensivas, insultos e mensaxes vinculadas á ultradereita, que chegaron a afectar tamén a locais contiguos.

"Hoxe é unha sede do PSOE, pero o que se está atacando é algo moito máis amplo: o dereito de calquera cidadán a participar en política e defender democraticamente as súas ideas sen ser intimidado", remarcan.

O PSdeG lucense manifesta o seu "rexeitamento absoluto" aos responsables e reivindica o diálogo e o respecto como vías para expresar as diferenzas políticas. "Fronte aos que pretenden sementar odio e división, a nosa resposta seguirá sendo máis democracia, máis diálogo e máis compromiso coa sociedade", conclúe a formación.

0.36505699157715