O PSdeG e Sumar esixen explicacións a José González pola sanción á empresa familiar por ter dous migrantes sen papeis na vendima

O PSdeG e Sumar Galicia elevarán ao Parlamento a polémica pola proposta de sanción da Inspección de Traballo a unha empresa vinculada ao grupo familiar da adega Casal de Armán pola presenza de dúas persoas de orixe africana sen documentación durante a vendima do ano pasado no Ribeiro. Os socialistas pedirán a comparecencia do conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González Vázquez, para que dea explicacións sobre os feitos, mentres Sumar reclama que acredite documentalmente a súa desvinculación da compañía, da que foi socio ata 2018.
A secretaria de Organización do PSdeG e viceportavoz do Grupo Parlamentario Socialista, Lara Méndez, anunciou este martes, tras a Xunta de Portavoces, que o seu grupo solicitará a comparecencia do conselleiro. “O primeiro que imos pedir é a comparecencia do conselleiro. E que veña dar a cara el”, afirmou, despois de que elDiario.es publicase a proposta de sanción da Inspección de Traballo.
Méndez lembrou que José González “non se cortou nada á hora de falar de inmigración ordenada e de reclamarlle ao Goberno de España as competencias dos permisos de traballo”. Nese sentido, sinalou que “nas viñas da adega da súa familia había dúas persoas sen papeis apañando uva”, localizadas, segundo indicou, por unha inspección de oficio, e que existe xa “unha proposta de sanción enriba da mesa”.
A dirixente socialista cualificou o ocorrido de “extremadamente grave” e asegurou que resulta “difícil de tapar, aínda que práctica non lles falta”, en referencia tamén ao salón de banquetes que a mesma empresa explota desde hai unha década en Ribadavia, declarado ilegalizable e cunha orde de demolición de Patrimonio que, segundo denunciou, continúa sen executarse.
“Eu pregúntome se non será esta a inmigración que quere o PP. Xente sen papeis e sen dereitos, que ven traballar e da que despois non responde ninguén”, afirmou Méndez, que remarcou que “a consellería que dirixe é a de Emprego e Emigración”. Finalmente, interpelou directamente ao presidente da Xunta: “Que vai facer o señor Rueda? Seguir pechando os ollos ao que pasa na súa casa?”.
Pola súa banda, Movemento Sumar Galicia reclamou tamén explicacións públicas ao conselleiro e considerou “politicamente inadmisible” que o titular de Emprego teña que responder por unha sanción que afecta a unha empresa do seu grupo familiar, coa que mantivo unha relación societaria ata 2018.
O portavoz de Sumar Galicia, Paulo Carlos López, reclamou a González que explique “publicamente cal é a súa relación actual coa empresa e acredite documentalmente a súa desvinculación”. “Non abonda con afirmalo”, advertiu. O movemento tamén lle pediu que condene publicamente os feitos e defenda os dereitos dos traballadores migrantes.
Sumar puntualizou que non atribúe ao conselleiro unha responsabilidade directa polos feitos, pero considera que non pode “mirar para outro lado” cando unha empresa coa que mantivo unha relación empresarial e que continúa vinculada ao seu ámbito familiar foi sancionada por unha práctica laboral que cualifica de grave.
A formación reclamou “transparencia e exemplaridade” e advertiu de que, se José González non é quen de demostrar unha desvinculación real e completa da empresa e dos seus intereses económicos, debería presentar a súa dimisión. “Quen ten a responsabilidade de defender os dereitos laborais en Galicia non pode estar baixo a sombra dunha empresa familiar sancionada precisamente por vulneralos”, sostivo López.
O PSdeG levará ao pleno a situación dos migrantes
A polémica pola empresa familiar do conselleiro chega ao Parlamento no marco dun pleno no que o PSdeG tamén abordará outras cuestións relacionadas coa inmigración e os dereitos sociais. Na sesión de control, o portavoz socialista, José Ramón Gómez Besteiro, preguntará a Alfonso Rueda cando pensa adoptar as medidas necesarias para garantir “de maneira efectiva e en condicións de igualdade” os dereitos de todos os galegos e galegas, con independencia do lugar no que residan.
O Grupo Socialista rexistrou ademais unha pregunta de resposta oral urxente sobre a acollida de menores migrantes non acompañados. Os socialistas queren coñecer as actuacións que prevé desenvolver a Xunta para atender os menores que cheguen a Galicia, ante o incremento da chegada de persoas migrantes a Ceuta e a súa posterior distribución entre as distintas comunidades autónomas.
O PSdeG tamén defenderá unha moción sobre o financiamento autonómico, na que reclama que a Xunta elabore unha posición propia de Galicia, con cifras concretas e unha proposta pública sobre os recursos adicionais necesarios para garantir a suficiencia financeira da comunidade.
A iniciativa pide igualmente revisar o cálculo da poboación axustada para incorporar factores como o envellecemento, a dispersión territorial, o despoboamento e o maior custo efectivo da prestación de servizos públicos en Galicia. Ademais, reclama negociación bilateral co Goberno central e unha maior participación no Fondo de Compensación Interterritorial.
A moción inclúe tamén a petición de aceptar e solicitar a quita de 4.010 millóns de euros da débeda autonómica galega, ao considerar que contribuiría a mellorar a solvencia financeira da comunidade.
Críticas á política de bonos e ás listas de espera sanitarias
Entre os asuntos que o PSdeG levará ao pleno figura tamén a política de bonos da Consellería de Política Social, tomando como punto de partida o Bono Concilia. Os socialistas cuestionan que as condicións para acceder ás axudas polos campamentos de verán se fixesen públicas con carácter retroactivo e critican que só poidan beneficiarse as familias que contrataron campamentos privados, deixando fóra os servizos municipais ou doutras administracións.
O grupo socialista defenderá tamén unha proposición non de lei para modificar o sistema de cómputo das listas de espera sanitarias. Segundo denuncia, actualmente non se contabiliza todo o tempo transcorrido desde que unha persoa solicita unha cita, xa que só se incorpora aos datos oficiais o período desde que existe unha data concreta na axenda. O PSdeG reclama que se publiquen os tempos reais e completos de espera para consultas, probas diagnósticas e intervencións.
No ámbito educativo, os socialistas pedirán ampliar as prazas das residencias universitarias públicas ata alcanzar, como mínimo, o 10% do alumnado matriculado en cada universidade galega durante esta lexislatura, fronte a unha porcentaxe actual inferior ao 5%.
Tamén cuestionarán a situación do IES Frei Martín Sarmiento, que, segundo o grupo, presenta deterioro das infraestruturas, problemas de illamento e filtracións, falta de espazos e carencias de persoal, e preguntarán á Xunta se considera necesario e urxente un plan integral de reforma e modernización do centro.
Finalmente, o PSdeG levará ao pleno a situación de masificación na Praia das Catedrais e preguntará á Xunta se prevé avaliar o sistema de acceso e circulación de visitantes para identificar os puntos de maior concentración e os riscos asociados á mobilidade no interior deste monumento natural.